Xplora manterá os seus contidos en liña tras abandonar a TDT

martes, 29 de abril do 2014 Marcus Fernández

O vindeiro 6 de maio varias canles televisivas van abandonar a grella da TDT de ámbito estatal, e unha das de maior implantación, Xplora, vén de anunciar que non tira a toalla, e que tras o cesamento das súas emisións aéreas optará pola plataforma en liña ATRESPLAYER para continuar a ofrecer os seus documentais.
Deste xeito, os seareiros dos numerosos espazos documentais de Xplora non perderán os contidos aos que estaban afeitos de vez, senón que poderán continuar a seguilos a través de ATRESPLAYER, plataforma de vídeo baixo demanda que funciona tanto vía web como a través distintas aplicacións de seu (dispoñilbes para iOS, Android, Windows e solucións Smart TV de Samsung).
Por desgraza, os contidos de Nitro e LaSexta 3 non correrán a mesma sorte que Xplora, e desaparecerán tras o cesamento de emisións das súas correspondentes canles.
Haberá que ver se a transformación dunha canle televisiva tradicional nunha canle totalmente en liña é realmente efectiva, pois parece bastante difícil a medio prazo que o público pasivo da TDT poida trasladarse a plataformas máis interactivas, tanto por comodidade como pola ausencia do reclamo que teñen os contidos de Xplora, pensados na súa meirande parte para atrapar ao espectador cando está a facer zapping polas distintas canles.

PUBLICIDADE