Xunta.es culminará a súa transformación en sede electrónica este ano

xoves, 14 de abril do 2011 Redacción

Mar Pereira durante a súa intervención

Durante o almorzo de traballo organizado polo Club Diálogos para a Democracia sobre a Modernización e Transformación da Xestión Pública e Privada con Novas Tecnoloxías, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, avanzou que o portal da Xunta de Galicia funcionará como unha sede electrónica a finais de este ano.
Pereira asegurou que «é un dos fitos marcados no Plan de Modernización da Administración que permitirá que os cidadáns poidan acceder a mesma información e os servizos que teñen á súa disposición en calquera das ventanillas das consellerías» e lembrou que no ámbito da administración electrónica «temos a obriga de dar resposta a unha sociedade que ten dereito a relacionarse coas administracións públicas a través de canles telemáticos. Un compromiso que cumprir cos cidadáns e as empresas deste país, e estamos no camiño correcto para acadalo».
Nestes momentos pódense presentar en liña máis de 120 procedementos administrativos distintos, aínda que non todos de xeito completo. O obxectivo marcado polo Plan de Modernización da Administración é acadar no 2013 o 100% da tramitación en liña dos procedementos administrativos e avanzar cara unha política cero papel.
Un dos pasos fundamentais para acadar este obxectivo foi a publicación o pasado mes de decembro no DOG do decreto que fixa as bases para o desenvolvemento da futura administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dependentes. A entrada en vigor deste decreto regula, ademais da constitución do portal como sede electrónica, a creación dun Rexistro Electrónico único que funcionará ás 24 horas do día os 365 días e a edición electrónica do DOG, que substituirá á versión en papel nunhas semanas. O horizonte temporal para levar a cabo a implantación progresiva da administración electrónica é de tres anos.

PUBLICIDADE