Xuntan fondos para realizar unha edición impresa da Wikipedia en inglés

mércores, 19 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Hai preto dun lustro dimos conta de que a empresa PediaPress facilitaba a impresión en papel de recompilacións temáticas baseadas nos contidos da Wikipedia, e con esta tecnoloxía de impresión baixo demanda en mente ocorréuselles a idea de imprimir a Wikepedia en inglés completa, como se fose unha enciclopedia tradicional, para que teñamos unha maior consciencia do que supón este proxecto colaborativo, polo que iniciaron unha campaña de micromecenado en Indiegogo a través da que agardan xuntar 50.000 dólares para financiar a produción dun milleiro de volumes de 1.200 páxinas cada un que pretenden amosar ao público no encontro Wikimania London que terá lugar o vindeiro mes de agosto.
De superarse os 50.000 dólares, e segundo a cantidade recadada, prevén que a impresión dos volumes poida facerse a toda cor e incluso poidan facer que a exposición visite distintas localidades de todo o mundo, procurando que, como mínimo, poida amosarse unha vez en cada continente.
Dado que a Wikipedia impresa quedaría obsoleta en segundos, teñen previsto publicar en vivo as súas actualizacións nunha impresora cun alimentador de papel continuo, de xeito que os visitantes poderán facerse unha mellor idea da cantidade de información que move este proxecto.


Vídeo promocional do proxecto

PUBLICIDADE