Yahoo! envíanos ó espazo na súa cápsula do tempo

mércores, 11 de outubro do 2006 Raquel Noya

Dende que Yuri Gagarin viaxou por primeira vez ó espazo, o 12 de abril de 1961, facendo unha órbita completa arredor da Terra, os anhelos por conquistar todo aquilo que non é “planeta Terra” increméntanse como a escuma co paso do tempo. Cada día danse a coñecer nomes de famosos podres de cartos que xa teñen reservada a súa viaxe espacial a bordo dunha nave que os leve a coñecer paraxes descoñecidos alén do noso planeta, algo polo que moitos devecen pero que está ó alcance de tan só uns poucos afortunados. O resto dos mortais, que o máis preto que estaremos das estrelas será dende o observatorio da Casa das Ciencias da Coruña, o acougo que nos queda vén da man da cápsula do tempo de Yahoo!, unha especie de caixa de xastre virtual que será proxectada ó espazo con documentación sobre o ser humano e a Terra no seu interior.
O portal vai dixitalizar toda a información que reciba dos internautas, ben sexan fotos, debuxos, cancións, ideas, textos ou documentos varios que rexistren a vida no ano 2006 na Terra e unha vez convertida nun sinal láser será proxectada cara o ceo.
Para incluír documentos na cápsula do tempo, hai que dirixirse á páxina web do proxecto e estes han de abordar algún dos temas suxeridos por Yahoo!, como o amor, a carraxe, a diversión, a tristura ou a fe, entre outros.
Este proxecto, que foi cualificado pola propia empresa responsable como o “primeiro proxecto electrónico antropolóxico da historia”, ten como obxectivo almacenar nun soporte dixital toda a información posible sobre a vida humana para ser enviado ó espazo o vindeiro 25 de outubro, tras unha cerimonia na Pirámide do Sol de Teotihuacan, en México. Yahoo! prepara abrir a súa cápsula do temo no ano 2020, cando o portal celebre o seu 25 aniversario.

PUBLICIDADE