Yahoo! podería pórse de novo á venda

xoves, 26 de febreiro do 2009 Raquel Noya

A firma estadounidense de Internet, Yahoo!, que comezou o ano, segundo algúns medios, “co pé dereito” ao incrementar a cota de mercado de procuras no seu país “natal” ata nun 0,5 por cento, por enriba do seu competidor, Google, vén agora de anunciar a venta do seu negocio de procura, “profundamente ligado con outros produtos en liña e propiedades da compañía”.
O presidente financeiro da empresa, Blake Jorgensen, deu a coñecer que “non se opón” a un acordo que potencialmente poría á venda o seu negocio e afirma que calquera acordo, ben sexa de asociación ou venda, “sería polas razóns e os aspectos económicos correctos”.
As fontes sinalan a Microsoft como o máis “interesado” en chegar a un acordo de procura con Yahoo! para, segundo afirman, “competir contra o líder do mercado, Google”.
Yahoo!, que xa rexeitou o pasado ano unha oferta de adquisición por parte de Microsoft por 47.500 millóns de dólares, viu como se colapsaba un acordo para formar unha sociedade de publicidade en procuras con Google por mor das “preocupacións antimonopolio”.
Agora, a linguaxe entre Yahoo! e Microsoft “estase a suavizar”, tal e como vén de afirmar Sandeep Aggarwal, analista de Collins Stewart, e engade, “ambas compañías poderían estar entrado nunha fase de negociación máis amable”.

PUBLICIDADE