Yaiza Rubio expón en CIBER.gal os retos de seguridade do metaverso e a Web3

xoves, 10 de novembro do 2022 S. P.

A responsábel de metaverso en Telefónica, Yaiza Rubio, estivo na tarde deste 9 de novembro en Santiago, no marco do II Encontro CIBER.gal, para ofrecer a conferencia de peche da primeira xornada do evento, que se celebra até este xoves na Cidade da Cultura de Santiago. Baixo o título de Os retos do futuro de Internet, Rubio falou sobre as transformacións que se producirán nos próximos anos no uso de Internet, e en particular sobre a chegada do metaverso e da denominada Web3.
“O desenvolvemento do metaverso”, explicou, “levaranos ao establecemento dunha sorte de realidade estendida, que será unha mestura do mundo real, o virtual e a realidade aumentada”. Segundo engadiu, “os usuarios transitarán entre os extremos puramente reais e virtuais do mundo, e o metaverso construirase sobre diferentes capas, nas que levarán a cabo actividades relacionadas coa comunicación, o comercio, a economía, a educación, o lecer ou a saúde, entre moitas outras”. Neste sentido, advertiu, “hai que ter en conta que a identidade real dos individuos ou organizacións que operan no metaverso é difusa, polo que será crítico desenvolver tecnoloxías que nos protexan do deepfake”.
Respecto da chegada da Web3 (evolución da Web2 que funciona desde 2005, e que só permite ler e escribir), a nova contorna de Internet terá “unha arquitectura moito máis descentralizada e funcións máis automatizadas, coa axuda das tecnoloxías 5G e blockchain”, e “que poderán ser utilizadas de maneira independente por desenvolvedores, creadores e empresas”. Rubio engadiu que nestes novos mundos sociais de realidade estendida que se van a crear “os usuarios, con sorte, poderán contar con algúns sistemas de moderación (bloqueos, detección temperá de abusos, capacidade de manter a outros usuarios a distancia…), pero a diferenza doutros casos, estas novas experiencias non teñen frontes e a recolección de datos dos usuarios estará, cada vez máis, en mans das plataformas”. Por iso, neste sentido, “os usuarios deberán ser máis proactivos á hora de comprender que datos recóllense, durante canto tempo e que dereitos pódense exercer”.
Rubio concluíu dicindo que o novo mundo de realidade estendida e Web3 que se aveciña no futuro próximo expón, pois, retos de seguridade, pero tamén retos éticos como o de “evitar que contribúa á polarización da sociedade, a protección do copyright, a posibilidade de afectación mental e física dos usuarios, a liberdade de expresión, a desinformación e a pegada de carbono inherente ao desenvolvemento dos algoritmos e o almacenamento de datos”.

PUBLICIDADE