Yoigo non prohibirá o tethering

xoves, 26 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cando Yoigo anunciou hoxe que se convertía no operador líder en datos ao lanzar a primeira tarifa ilimitada converxente non esperaba que se producise toda unha crise de reputación para a compañía por culpa das modificacións nas condicións de contratación nas que, sobre o papel, incluíanse cláusulas de uso razoable que daban a entender que Yoigo prohibía o uso do tethering (compartir a conexión de datos do móbil cun ordenador), que non se permitiría a selección manual de rede móbil nas zonas na que Yoigo contase con cobertura propia e incluso que ao acceder a YouTube dende o móbil recibiríase unha versión dos vídeos de baixa calidade (como acontece con algúns operadores norteamericanos, que permite un uso ilimitado de servizos de streaming desactivando a alta definición).
Ao parecer, as condicións incorporadas por Yoigo nas condicións contractuais simplemente buscan poder adoptar medidas ante usuarios que abusen das súas liñas, facendo usos que poderían afectar ás conexións do resto de usuarios da rede móbil. Non se trataría así dunha prohibición absoluta, senón dun simple aviso e, de feito, tiveron que publicar nas redes sociais unha comunicación para tranquilizar aos clientes na que aseguran que «Podes compartir Internet (tethering) como sempre. Podes seguir utilizando YouTube coa calidade de sempre».
Sobre as tarifas converxentes anunciadas hoxe dende Yoigo destaca que contan con datos 4G; chamadas ilimitadas a fixos nacionais e 60 minutos a móbiles nacionais dende o fixo; e a opción de elixir entre fibra simétrica de 300 Mbps, fibra de 50 Mbps ou ADSL. Teñen así unha oferta bastante flexible na que o cliente pode optar pola tarifa móbil que máis se adapte ao seu consumo e, a partires e aí, combinar o servizo coa banda larga fixa que prefira (ou teña dispoñible na súa zona). O prezo de engadir Fibra de 50 Mbps ou ADSL a unha liña móbil de Yoigo sería de 27 euros, mentres que o prezo de engadir fibra simétrica de 300 Mbps sería de 37 euros (en ambos casos 20 euros corresponderían á cota de liña). Estiman que con respecto a outras ofertas semellantes con Yoigo os clientes poderían aforrar entre o 20 e o 30% da súa factura mensual.

Táboa coas novas tarifas de Yoigo

PUBLICIDADE