YouTube dá máis espazo en pantalla aos vídeos en alta definición

venres, 19 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A interface de YouTube reserva máis espazo para os vídeos en alta definición, coma podemos comprobar no popular clip Where the hell is Matt? (se accedemos ao vídeo en inglés)

Para evitar que os seus competidores lle arrebaten mercado nun momento no que o vídeo en alta definición está a emerxer con forza incluso nas gravacións domésticas, YouTube está a mellorar a calidade dos seus vídeos, e aparte de permitir a súa visualización en modo estándar e de alta calidade, tamén conta cun modo de alta definición a 720 liñas en progresivo, opción presente cando accedemos á súa web coa interface configurada en inglés, o que dende as últimas horas ten un grande cambio: se aumenta a anchura do reprodutor de vídeo de YouTube desprazando os contidos que tradicionalmente presentaba á súa dereita cara abaixo, quedando o vídeo en reprodución nunha posición preferente nun recadro de 852 x 480 píxeles, que aínda que é bastante menos da resolución real dos clips (1.280 x 720 píxeles) permite unha visualización bastante boa sen ter que recorrer á reprodución en pantalla completa (a ideal para este tipo de contidos).
Tamén estrearon unha categoría na que se recollen os vídeos en alta definición en YouTube, para que os usuarios poidan localizar este tipo de contidos con facilidade, e así tirar proveito de conexións de banda larga e grandes monitores á hora de ver contidos de vídeo na web en caso de non conformarse coa mala calidade que ofrecía YouTube nos seus comezos.
De feito, dende YouTube están a cambiar as súas recomendacións á hora de subir vídeos ao seu sistema, pedindo aos usuarios que carguen as súas gravacións a 1.280 x 720 píxeles (no caso de clips en alta definición) ou a 640 x 480 píxeles (para vídeos en definición estándar). Engaden que non se deben inserir bandas negras verticais nos vídeos que estean gravados en formato panorámico, pois neses casos o seu reprodutor os presentaría a un tamaño demasiado reducido. Queda así establecido con firmeza o formato panorámico en YouTube, o que tamén debería facer a televisión nos vindeiros anos, pois non resulta lóxico que se estean a vender maioritariamente televisores panorámicos (16:9) á vez que os contidos que achegan as canles de televisión están en formato 4:3.

PUBLICIDADE