Youzee deixa de operar silenciosamente

luns, 14 de outubro do 2013 Marcus Fernández

A plataforma de vídeo baixo demanda Youzee leva meses pasando serias dificultades, e tras eliminar o seu sistema de tarifa plana hai pouco máis dun ano, e iniciar un ERE, vemos por fin as consecuencias desta crise do seu negocio, que non conseguiu despuntar no noso mercado e parece que vai extinguirse como sociedade nas vindeiras semanas, como evidencia o feito de que nin sequera a súa páxina web estea agora en liña.
Nos últimos meses Youzee xa era un servizo que estaba a funcionar baixo mínimos, simplemente manténdose activo, pero sen incorporar novidades, e continuando coas súas principais carencias: uns prezos demasiado elevados e un catálogo audiovisual moi limitado.
Mentres noutros países plataformas como NetFlix están a callar entre o público, en España seguimos sen ter equivalentes que poidan animar aos espectadores a apostar polo vídeo baixo demanda a través da Internet. Por unha banda temos as ofertas asociadas a operadores tradicionais (como Yomvi e Movistar Imagenio) e, por outra, están solucións en liña como Filmin (que limita a súa oferta a producións independentes e/ou pouco comerciais) e Wuaki.tv (que probablemente tería seguido o mesmo camiño que Youzee se non fose adquirida pola xaponesa Rakuten).

PUBLICIDADE