Youzee xa está dispoñible sen invitación

venres, 20 de abril do 2012 Marcus Fernández

O servizo español de vídeo baixo demanda Youzee, tras unha longa fase de probas pechada, ábrese ao público xeral, de xeito que calquera pode xa darse de alta no sistema para poder reproducir as súas películas e series de televisión en varias modalidades de acceso: subscrición (que por só 6,99 euros/mes permite o acceso a boa parte do seus contidos), aluguer (con estreas e grandes éxitos a prezos de entre 1,99 a 4,99 euros) e de balde (contidos patrocinados mediante publicidade, dos que aínda non hai ningunha peza dispoñible). Inicialmente é posible acceder un primeiro mes de balde ao modelo de subscrición, cunha limitación de tempo de 10 horas de reprodución, o que permite comprobar dende o navegador web a calidade deste servizo que amosa vídeo en calidades estándar e tamén en alta definición (720p e 1080p), o que permite unha experiencia de uso superior á de moitos dos seus competidores.

Aplicación de Youzee para televisores conectados de Samsung

Youzee non vai limitarse só ao navegador web, senón que estes días tamén amosaron a súa aplicación para iOS, que chegará pronto ao público e permitirá o acceso aos seus contidos dende dispositivos móbiles de Apple, e tamén teñen aplicación de seu para televisores Smart TV de Samsung. No futuro debería chegar a moitos outros dispositivos conectados como consolas de videoxogos.
Esta plataforma ten detrás un equipo de 46 traballadores establecido en Madrid, e o seu servizo vai permitir pór a proba a demanda deste tipo de contidos de pagamento en España, aínda que cómpre dicir que está moi lonxe de plataformas como Netflix, que ofrece nos EE.UU. un catálogo de contidos extraordinariamente amplo.

Fotografía de grupo do equipo detrás do desenvolvemento de Youzee

PUBLICIDADE