ZTE abre tenda en liña en España

xoves, 14 de novembro do 2013 Marcus Fernández

O fabricante chinés ZTE está a consolidar a súa presenza comercial en España, e tras varios anos achegando terminais a través de operadores móbiles atrévese agora á venda directa, abrindo unha tenda en liña oficial en eBay, dende a que poden adquirirse smartphones a uns prezos atractivos, con 2 anos de garantía e entrega en 24/48 horas a través de Chronoexprés (incluída no prezo dos terminais).
ZTE comeza esta aventura española con 3 móbiles que destacan polo seu prezo axustado, comezando polo ZTE Kis Pro, que por 99 euros achega un dispositivo básico con pantalla de 3,5 polgadas; seguindo cun aceptable ZTE Grand X que por 154 euros ofrece unha pantalla de 4,3 polgadas e unha batería de 1.600 mAh; e rematando co atractivo ZTE Grand X Pro, que co seu prezo de 187 euros xa pode permitirse unha pantalla de alta definición de 4,5 polgadas, cámara de 8 Mpíxeles e batería de 2.000 mAh.
Este tipo de establecemento en liña parece chegar para atender aos numerosos consumidores que están a optar pola importación de móbiles chineses, pero amosan preocupación pola garantía dos terminais adquiridos, á vez que temen que no envío vexan como teñen que facer fronte a inesperados cargos arancelarios. Tamén soluciónase a grande barreira dos prazos de entrega presente normalmente na importación (na que é bastante habitual ter que agardar 2 ou 3 semanas para poder recibir un pedido).

PUBLICIDADE