Zara presenta tenda en liña para seis países europeos

xoves, 2 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

O espallamento de Inditex chega a tódolos planos de realidade. Calquera galega/o que ande polo mundo pode comprobalo, vaia de viaxe a onde vaia, coa posibilidade extra de converter a procura dunha tenda de Zara como un entretemento máis e co engadido de ser algo así como ver a un coñecido entre tanta xente estraña. Isto que se aplica ao eido das tendas físicas, tamén acontece un pouco na Rede, en parte polo medre das visitas e a repercusión das webs vinculadas a Inditex, e en parte polas cifras acadadas en redes sociais como Facebook, onde Zara xa anda polos 4,5 millóns de seareiros.
A cousa aínda se enlea máis se temos en conta que Zara vén de estrearse no mercado virtual cunha tenda en liña habilitada para seis mercados europeos: España, Francia, Alemaña, Reino Unido, Italia e Portugal. Isto significa que os internautas destes países están en xa en disposición de mercar os artigos da colección outono-inverno da tenda galega, unha das máis coñecidas (se non a máis) de Inditex. Por certo que a intención da compañía de Amancio Ortega é aplicar o mesmo proceso ao resto das súas cadeas.
Esta virtualización das súas tendas responde como é de supor á renovada estratexia de medre da firma, que non quere ficar á marxe do afianzamento de novos usos e costumes á hora de mercar roupa. Para Inditex Internet e as redes sociais son ferramentas indispensables e canles extraordinarias de comunicación que lle acaen á perfección á filosofía da firma. Por certo que a posta en marcha desta estratexia de venda en liña podería supoñer para Inditex un incremento nas súas vendas do 4%. Respecto ao miolo da tenda virtual, dicir que se poderá chegar a ela dende computadores e dende dispositivos móbiles, sendo un dos seus obxectivos básicos a funcionalidade e a claridade dos seus elementos. Entre outras cousas, inclúe unha ferramenta de busca con diversas alternativas de filtrado para facer máis doada a procura de roupa segundo os gustos e tendencias de cada internauta. Tamén inclúe un sistema para esculcar nos artigos que nos interesen coma se estivesen perante os nosos ollos (SuperZoom). Segundo conta a empresa, en breve se achegarán os recursos precisos para efectuar adquisicións a través dos trebellos móbiles de Apple, o iPhone e o iPad. Polo que respecta aos prezos, serán os mesmos cós das tendas físicas.

PUBLICIDADE