Zaragoza confíalle a Tegnix a formación dos seus técnicos en materia de software libre

martes, 7 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O software libre está de moda e non só o dicimos nós, tamén o din os milleiros de entidades que apostan polo seu uso e promoción entre persoal e distribuidores, as empresas TIC dedicadas ao seu desenvolvemento en todo o mundo, os informes anuais que confirman o incremento do seu uso cada vez en máis sectores, as enquisas a usuarios que demostran a súa confianza nel... todos eles son indicativos do bo estado de saúde dun sector que está en auxe e que xa usan 3 de cada 4 usuarios de programas informáticos en todo o mundo (segundo datos do último informe de PortalProgramas.com sobre a Valoración do software libre na Sociedade 2011).
Aínda podemos concretar máis e ousar afirmar que o software libre galego está entre os máis cotizados do Estado, só así se explica que técnicos da empresa Tegnix, socia de AGASOL, estean estes días formando ao persoal do Concello de Zaragoza en materia de software libre, a súa especialidade.
E é que o software libre galego, alén da súa aplicación en sectores do país, tanto públicos como privados, está chamado a cubrir necesidades de fóra dos nosos lindes, como é o caso, onde as empresas con selo galego levan os seus produtos baseados en código aberto e desenvolvidos coas máis esixentes garantías.
Estes días son os técnicos municipais do Concello de Zaragoza os que están a recibir un curso intensivo de LPI Certificación nivel 1 (administradores Linux) para facerse co documento que os acredite como usuarios profesionais de Linux, e máis adiante será calquera outra Comunidade ou Concello a que desexe mellorar o seu servizo interno de soporte a usuarios e reclame os servizos de Tegnix, como mellor capacitada para formar aos seus técnicos para a obtención da devandita certificación internacional.
O curso, dun total de 80 horas a cubrir en dous meses, impártese na modalidade de teleformación, con titorías a cargo dos profesores da empresa Tegnix.
Os alumnos teñen á súa disposición a plataforma Moodle, desenvolvida tamén pola firma galega, a través da que teñen acceso a vídeos, transparencias ou mesmo exercicios prácticos que lle permiten aos docentes emitir informes semanais sobre a evolución do alumnado.
LPI son as siglas de Linux Professional Institute, unha organización sen ánimo de lucro que se dedica á certificación de profesionais de Linux, e que ten a súa confianza depositada en Tegnix para impartir esta formación en sistemas de código aberto.

PUBLICIDADE