Zattoo convértese definitivamente nun servizo de pago

martes, 7 de outubro do 2008 Marcus Fernández

Dende Zattoo podemos probar de balde a canle Intereconomía TV (en resolución básica ou alta)

Ante o incremento do seu uso en España que facía inviable o seu modelo de negocio en España, Zattoo decidiu que o acceso ao seu servizo de televisión baseado na Internet fose de pago durante os meses de agosto e setembro, e rematado ese período se cumpren os peores presaxios e Zattoo pasa a ser un produto exclusivamente de pago, que estrea versión premium con máis calidade.
A subscrición ao servizo pode partir de Zattoo Basic, coa oferta de canles habitual, que custa 2,4 euros/mes, 4 euros/trimetre ou 12 euros/ano, mentres que os usuarios que queiran acceder a Zattoo HiQ, que achega a oferta anterior xunto coas canles Antena 3, Cuatro, Intereconomía TV, La 1, La 2, La Sexta, Telecinco e Veo a unha resolución de 576 x 528 píxeles (moi próxima á calidade da TDT), deberán pagar 7 euros ao trimestre ou 21 euros ao ano, o que hai que admitir que non é un servizo moi caro, pero que dificilmente calará ao estar afeitos os usuarios a acceder ao mesmo de balde (ou poder suplilo en moitos casos cunha sintonizadora de televisión para o ordenador, que se poden conseguir a prezos bastante axustados).
Queda por ver se a viabilidade de Zattoo se pode manter a longo prazo, pero todo apunta a que vai perder toda a popularidade acadada en España (especialmente en contornos corporativos).

PUBLICIDADE