Zuckerberg detalla os esforzos de Meta no mundo da IA

xoves, 18 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Mark Zuckerberg sorprendeu esta tarde publicando un vídeo para dar conta dos esforzos de Meta no eido da intelixencia artificial, destacando que teñen como obxectivo a longo prazo a creación dunha intelixencia artificial xeral, que poidan abrila ao público de xeito responsable e poida servir así para beneficio de todos. Para conseguir esta finalidade están a fusionar dous dos seus grandes proxectos de investigación (FAIR e GenAI), así como tamén están a adestrar o seu vindeiro modelo de linguaxe (Llama 3) e incluso están a construír toda unha infraestrutura de computación masiva que poida ser capaz de correr todos estes desenvolvementos no futuro.
Zuckerberg tamén recoñece a súa ilusión polo progreso da computación baseada en intelixencia artificial como as lentes que están a comercializar con Ray Ban.
Cómpre salientar que o propio nome da compañía deixa claro a esperanza que teñen en que o metaverso poida ser posible, e non pensan tirar a toalla neses ámbito, pero precisan dirixir boa parte dos seus esforzos no ámbito que máis está a evolucionar no sector tecnolóxico, conseguindo así unha maior confianza por parte dos mercados, que deberían ter claro que Meta é un dos principais actores na IA, e aínda que os propios produtos e servizos da compañía o deixan claro, parecen convencer máis as propias palabras de Zuckerberg.

PUBLICIDADE