Zuckerberg recibe o nacemento da súa filla destinando á caridade o 99% das súas accións de Facebook

martes, 1 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O fundador de Facebook, Mark Zuckerberg, reciben á súa nova filla, Max, cunha nota en Facebook que está a crear un grande rebumbio, xa que aparte de boas palabras de alegría e ilusión, comenta que el e a súa parella, Priscilla Chan, queren que a pequena “medre nun mundo mellor que o noso hoxe”, o que consideran que precisa de avances en saúde, educación, tecnoloxía e igualdade.
Pero as palabras de Zuckerberg non quedan nunha declaración de intencións, senón que teñen consecuencias prácticas, de xeito que o 99% das accións de Facebook da parella destinarase á caridade a través da nova organización chamada Chan Zuckerberg Initiative.
Zuckerberg non só publicou esta decisión en Facebook, senón que tamén o comunicou ás autoridades nos EE.UU. (a SEC) deixando clara a súa intención de destinar unha parte substancial das súas accións en Facebook a causas humanitarias e de promoción da igualdade. Aínda que o matrimonio conta cuns 45.000 millóns de dólares en accións, comunicaron que obrarán con prudencia, e puxeron un máximo de 1.000 millóns de dólares en accións ao ano de accións que venderán ou agasallarán durante os vindeiros tres anos (o que parece destinado a non perturbar a cotización bolsista da compañía).

PUBLICIDADE