atlanTTic lanza un premio á mellor tese estatal que rende homenaxe aos profesores Manuel Ramos e Fernando Isasi

mércores, 18 de outubro do 2023 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, lanzou a primeira edición dun novo premio que levará os nomes dos profesores Manuel Ramos e Fernando Isasi. O certame busca a mellor tese de todo o ámbito estatal relacionada coas tecnoloxías de telecomunicación ao tempo que rende tributo, deste xeito, aos dous docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadores de atlanTTic falecidos en maio de 2022, no caso de Ramos, e en agosto de 2023, no de Isasi.
Segundo explica o centro atlanTTic, este galardón ponse en marcha contando coa colaboración da sección española do IEEE, Institute of Electrical and Electronics Engineers, co obxectivo de “recoñecer o labor realizado por aquelas persoas investigadoras cuxa tese de doutoramento represente un avance significativo no eido das tecnoloxías de telecomunicación”.
Este premio recoñecerá “aquelas achegas que, baseadas na innovación, a creatividade, a orixinalidade e o rigor científico”, presentan “unha alta capacidade de avance no coñecemento producido no eido das tecnoloxías de telecomunicación”.
Dende atlanTTic tamén apostan porque o galardón “se converta nun estímulo complementario para as persoas investigadoras que traballan neste campo”.
Esta primeira convocatoria do premio consistirá nun único premio cunha dotación económica de 2.000 euros e poderán concorrer ao certame todas as persoas en posesión dun título de doutoramento, de calquera nacionalidade, que defendesen a súa tese no eido das tecnoloxías de telecomunicación, en concreto comunicacións, servizos dixitais e/ou ciberseguridade, en calquera universidade española entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. Os seus traballos deben ter obtido a máxima cualificación, excelente cum laude, e ademais deben ter publicado dous artigos JCR Q1/Q2 ou, no seu defecto, dispor dunha patente en explotación, por un resultado da investigación realizada no contexto da tese.
Para presentar as candidaturas é preciso cubrir o formulario en liña na ligazón habilitada, descargalo e presentalo na sede electrónica da Universidade de Vigo a través da instancia xenérica (SXER) existente na sede, e por como asunto “premio ATLANTTIC-Tese Doutoral”.
O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 31 deste mes de outubro. No formulario en liña achegarase un certificado do centro onde se leu a tese de doutoramento no que se recolla título, autor, data e cualificación, un currículo e un resumo e breve explicación da relación do traballo realizado coas tecnoloxías de telecomunicación, facendo especial fincapé nos aspectos orixinais e innovadores e nos resultados obtidos.
A selección das propostas será efectuada por unha comisión de avaliación que terá en conta para a toma da decisión aspectos como as publicacións de impacto en revistas JCR de gran relevancia en tecnoloxías de telecomunicación; as publicacións de impacto en congresos internacionais de gran relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación; os resultados de transferencia, patentes e aplicacións comerciais en relación coa tese; ou os premios recibidos, proxectos xerados a partir da tese e outros méritos como estadías no estranxeiro ou financiamento recibido.
A comisión de avaliación estará composta por persoas de especial relevancia no eido das tecnoloxías de telecomunicación e, a súa composición, será publicada unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes.

PUBLICIDADE