g11.net: proxecto aberto para dinamizar a tradución ao galego de software libre

luns, 26 de outubro do 2009 Fernando Sarasketa

En ausencia dun futuro claro para o Centro Mancomún e dun apoio máis firme ao noso software libre dende o novo equipo da Xunta, a comunidade de usuarios e deseñadores de ferramentas de código aberto segue a establecer ligazóns, proxectos colaborativos e escenarios de traballo que garantan a boa saúde da programación aberta no noso país e no noso idioma. Entre estas iniciativas cóntase por dereito propio g11n.net, un proxecto ideado como unha plataforma que favoreza a localización de software libre á nosa lingua a través da posta en marcha de ferramentas para a dita comunidade de usuarios. Esta achega de aplicativos, informan os responsables da proposta, participará de todas e cada unha das características de aquilo para o que se traballa, o software libre. Ou sexa: traballarase a través do debate e do acordo entre todas e todos.
Asemade, imporase a autoxestión e apertura de portas cara a todo tipo de usuarias/os. De feito, non será preciso ter grandes coñecementos de informática para concorrer na iniciativa de maneira activa, “pois calquera persoa cun mínimo de interese pode facer achegas dende diferentes eidos”, sinalan os responsables.
Neste senso, a idea é superar un dos principais atrancos de todo proxecto cooperativo vinculado á tecnoloxía dixital: a falta de participación, principalmente motivada por unha teórica eiva formativa dos participantes potenciais. Con todo, a realidade é outra: calquera está en disposición de botar unha man, e para contribuír á mobilización de efectivos xa está en marcha un sistema de foros abertos, accesíbeis precisamente dende o enderezo web do proxecto. A canle para tomar decisións é o foro "Organiza" no que xa se está a convidar á comunidade internauta galega a participar, con só rexistrarte nos foros.
Informar que o rexistro é automático (non require autorización de ningún administrador, so activación dende unha ligazón que se recibe por correo) e dá dereito a participar no foro da propia organización (os visitantes non rexistrados poderán ler, pero non escribir, cousa que si poden facer nos restantes foros).

PUBLICIDADE