iLoveSciencie fai posíbel o primeiro proxecto de I+D sanitaria española impulsado polos internautas

martes, 18 de febreiro do 2014 Fernando Sarasketa

O galego Roi Villar, responsábel de comunicación de iLoveScience, a plataforma de financiamento colectiva para proxectos científicos de cuxa posta en marcha falamos os días pasados dende Código Cero, vén de informar dun importante fito no eido da investigación científica apoiada e auspiciada por pequenos axentes de financiamento (neste caso internautas á par que membros da comunidade iLoveScience). Segundo nos conta, “nas últimas horas fomos quen de acadar apoio orzamentario para o noso proxecto de investigación no diagnóstico do alzheimer, converténdose este no primeiro proxecto español de investigación sanitaria impulsado de xeito exclusivo a partir das achegas dos internautas”. O devandito fito, polo tanto, é a constatación definitiva de que outro xeito de facer ciencia é posíbel, a contrapelo dos cartos dos gobernos e as administracións. Un xeito de facer ciencia que se apoia no cidadán, e non nos políticos.
O proxecto de loita contra o alzheimer que obtivo financiamento vén da man de Rodrigo Barderas, mozo investigador da Universidade Complutense de Madrid. A súa iniciativa, o primeiro proxecto español de biomedicina financiado a través de Internet, requiriu algo máis dun mes na Rede para obter os orzamentos que precisaba. En total foron 25 cidadáns particulares os que realizaron pequenas achegas económicas para conseguir reunir os 1.000 euros que se precisaban. Barderas acadou todo o diñeiro a través da plataforma de crowdfunding iLoveScience, onde puido expor e debater o seu proxecto, conseguindo finalmente a confianza e apoio dos devanditos 25 lovers. Mentres, outros dous proxectos seguen a realizar esforzos por atraer á poboación na loita contra o cancro de mama e a sepse hospitalaria.
“Unha vez recadada a cantidade monetaria fixada”, cóntanos Roi, “comezarase cos experimentos que Rodrigo propuxera na páxina web”. Máis polo miúdo, a partir de miúdos dispositivos cubertos con máis de 1.500 proteínas, peneirará mostras de soro sanguíneo de persoas afectadas polo alzheimer. Grazas a este traballo, Rodrigo buscará moléculas que se atopen exclusivamente no soro sanguíneo de pacientes afectados. Combinando estes datos, a presenza das devanditas moléculas permitiría “identificar a aqueles doentes que non presentan síntomas pero sofren a enfermidade”. Esta pegada que deixa a doenza no sangue do paciente constitúe o que se coñece como sinatura molecular da enfermidade. Nunha fase posterior da súa investigación, Rodrigo comprobará a validez destas sinaturas moleculares entre suxeitos enfermos e sans, nun maior número de pacientes.

PUBLICIDADE