iSlate podería ser o nome do futuro tablet de Apple

luns, 28 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Na última semana os rumores sobre o posible tablet de Apple reforzáronse, e ao potencial produto que ata o momento comentaban que podería chamarse iTablet chámalle agora iSlate atendendo a que Apple ten rexistrado dende 2007 o dominio islate.com, aínda que todo isto non serían máis que rumores, posto que ata que en xaneiro chegue o CES de Las Vegas e Apple aproveite tal feira tecnolóxica para facer algún grande anuncio, non se confirmará se o agardado dispositivo será algo máis que un desexo dos usuarios que levan moitos meses pedindo un terminais semellante ao iPhone, pero cunha pantalla de máis tamaño.
Segundo parece, o iSlate sería un dispositivo multitáctil cunha pantalla de 10 polgadas que tería un prezo de entre 399 e 700 dólares, e pretendería servir tanto para a reprodución multimedia (principalmente a reprodución de vídeos) como para a lectura (de revistas e contidos interactivos).
Polo momento parece ser que o futuro trebello non sería un ordenador completo, senón unha especie de iPod Touch xigante, cuns usos moi definidos, polo que non só o nome sería un elemento por determinar, senón que son moitas as incógnitas sobre un produto do que Apple non deu ningún tipo de información oficial (de xeito que podería non ser máis que fume).

PUBLICIDADE