nVIDIA non completará a compra de ARM Limited

martes, 8 de febreiro do 2022 Marcus Fernández

Rene Haas será o novo máximo responsable de ARM Limited

En setembro de 2020 nVIDIA anunciou a súa intención de adquirir ARM Limited por 40.000 millóns de dólares, operación que dende o primeiro minuto poñíase en tea de xuízo xa que actualmente os procesador con arquitectura ARM son chave no mercado da telefonía móbil, e deixar que unha compañía como nVIDIA puidese facerse cos alicerces dunha tecnoloxía crucial no contorno tecnolóxico actual sería un risco inasumible dende o punto de vista da competencia.
Tras numerosos atrancos no último ano, e a oposición de numerosos reguladores, nVIDIA e SoftBank anunciaron que a operación de compra de ARM Limited finalmente non se pecharía, dando a entender que será practicamente imposible que unha grande empresa tecnolóxica poida facerse con ARM no futuro, dado o rol que xoga tal empresa no sector tecnolóxico.
Ante este cambio de escenario, ARM ten que esquecer a súa integración en nVIDIA e emprender un novo camiño independente a longo prazo, de aí que veñan de elixir un novo director xeral, Rene Haas, quen sucederá no cargo a Simon Segars, directivo que levaba 30 anos na empresa.

PUBLICIDADE