iTunes comeza a vender música sen DRM

mércores, 30 de maio do 2007 Marcus Fernández

As limitacións impostas pola industria discográfica ós ficheiros musicais mercados a través da Internet poderían ter os días contados, en boa medida porque prexudican gravemente ós consumidores (que teñen problemas para reproducir certos ficheiros fóra do seu ordenador ou atopan atrancos á hora de preservar os temas mercados), e como síntoma deste cambio temos hoxe á tenda virtual de Apple, que coa versión 7.2 de iTunes incorpora descargas sen DRM (nun primeiro momento procedentes do catálogo de EMI), así como tamén estrea iTunes Plus (con música a 256 Kbps, o que incrementa a calidade de reprodución das cancións).
O prezo dos temas a 256 Kbps sen protección DRM será de 1,29 dólares para unha parte limitada do seu catálogo, mentres que o resto de cancións á venda continuarán a estar comprimidas a 128 Kbps e codificadas con DRM a 0,99 dólares cada unha.
Por outra banda, os usuarios que xa teñan comprado temas de EMI en iTunes poderán pagar 30 céntimos por canción (ou 3 dólares por álbum) para volver a facerse coas cancións no novo formato.

PUBLICIDADE