A praia de Samil (Vigo) terá acceso á Rede de balde mediante Wi-Fi durante o mes de agosto

venres, 3 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Manuel José Fernández Iglesias (director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia e conselleiro delegado de Retegal), Jesús García Porto (director xerente de Retegal) e Abel Caballero (alcalde de Vigo) participaron esta maña no acto de presentación dun proxecto piloto que achegará Internet de balde á praia de Samil.
Deste xeito, tódalas persoas que visiten a praia viguesa de Samil (ou a de O Vao) o mes de agosto poderán valerse dun acceso á Rede mediante Wi-Fi, grazas a un convenio de colaboración entre Retegal, a Secretaría Xeral de Comunicación, o Concello de Vigo e o Hotel Samil.
Esta experiencia pretende analizar o grao de utilización destas infraestruturas con vistas ó despregue dun servizo permanente de acceso á Internet noutras praias galegas para o vindeiro verán.
Para poder acceder á Rede na praia de Samil dende un dispositivo Wi-Fi (un portátil, unha PDA ou mesmo unha consola de videoxogos que sexa compatible co estándar IEEE 802.11b/g) só deberán intentar acceder a algunha web dende o seu navegador de Internet para que se lles pregunte polo seu nome de usuario e contrasinal (que serán retegal e samil27 respectivamente) tralo que quedarían autorizados para facer uso da web libremente.
As conexións efectuadas dende a praia canalízanse dende un hotspot sito no Hotel Samil ata o centro de Retegal en Domaio mediante un radioenlace de 36 Mbps, tralo que se conectan coa rede multiservizo do operador galego, dándolle acceso á Internet.

PUBLICIDADE