A suposta manipulación da Wikipedia crea un intenso debate

venres, 24 de agosto do 2007 Marcus Fernández


Polémica nova dos informativos de Antena 3 na que se vandalizou a Wikipedia para ilustrar a reportaxe

Estes días na Internet está a vivirse un intenso debate sobre certas prácticas xornalísticas centrándose na difusión de varias reportaxes sobre a suposta manipulación dos datos da Wikipedia por parte da CIA ou o Vaticano, acusándose de irresponsabilidade a TVE e Antena 3 por chegar a modificar artigos da Wikipedia para amosar cómo se facía (e non corrixíndoos logo) no que consideran que se tratou dun acto vandálico, aínda que finalmente se aclarou que tal práctica só a realizaron dende Antena 3 (no informativo de La 2 só se citou o asunto e non se chegou a manipular o texto).


La 2 difundiu un artigo sobre Wikiscanner sen entrar nas desinformacións publicadas dende Antena 3 Noticias

Pero non só o feito de vandalizar a Wikipedia para ilustrar unha nova en televisión é algo censurable, senón que a propia información difundida sobre a manipulación de artigos por parte da CIA e do Vaticano resulta ser unha esaxeración, xa que en realidade os que editan na Wikipedia na meirande parte dos casos son traballadores destas entidades operando coma calquera outro usuario da enciclopedia libre, e non por encargo da súa compañía, de xeito que mesmo comentan nun espazo creado por Wired que as modificacións da Wikipedia por parte de axentes da CIA eran anotacións a textos sobre as películas de Star Wars no que dificilmente a Axencia norteamericana tería interese dalgún tipo.
Así, a creación da aplicación Wikiscanner (que permite analizar dende onde se fan as anotacións na Wikipedia) sería unha información interesante para moitos internautas, pero pasar de aí a unha denuncia de manipulación baseada en deducións sen fundamento tras usar tal ferramenta hai moita distancia, o que non evitou que a meirande parte dos medios de comunicación se fixeran eco de tal información errónea.

PUBLICIDADE