Innovación vai crear un dicionario enciclopédico galego das TIC

mércores, 5 de setembro do 2007 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (AETG), vai levar a cabo a realización dun Dicionario Enciclopédico Galego das TIC no que se incluirán, entre outras cousas, termos e definicións conceptuais que expresan o universo das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Para o desenvolvemento do devandito dicionario, ámbalas entidades asinarán un convenio de colaboración para o que investirán un total de 167.040 euros, cantidade que achegará integramente a Consellaría.
O proxecto contará coa colaboración técnica e científica da Escola Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Vigo así como coa colaboración lingüística da Real Academia Galega.
Para desenvolver con éxito a produción deste peculiar dicionario serán precisos tres anos, ó longo dos que se irán aloxando os contidos nos dominios de Internet das dúas asociacións así como no da Real Academia Galega, actualizándose de xeito permanente e creándose no seu espazo grupos de traballo para o desenvolvemento conxunto da lingua e das tecnoloxías.
Asemade, coa finalidade de difundir este proxecto a través dos medios de comunicación e incorporar a personalidades locais dos eidos de interese, os responsables da iniciativa van celebrar en distintas cidades galegas catro seminarios “lingua-tecnoloxía”, respondendo, ó mesmo tempo, ó interese da Consellaría en que as comunidades profesionais tecnolóxicas e empresariais dispoñan de ferramentas lingüísticas que permitan expresar e entender na lingua propia todos os termos e conceptos que definen as tecnoloxías TIC e a Sociedade da Información.

PUBLICIDADE