O Foro pola Gobernabilidade da Internet propón unha carta dos dereitos da internet e amosa a preocupación polo excesivo peso do inglés na Rede

venres, 3 de novembro do 2006 Marcus Fernández

A Organización das Nacións Unidas organizou nestas datas un Foro pola Gobernabilidade da Internet que parece chegar tarde, mal e arrastro, cando menos se temos en conta que a conexión Wi-Fi de balde coa que agardaban contar durante o evento non funcionou, polo que falaron da Rede sen ter acceso á mesma (non parecía un bo comezo).
Ademais, os temas a debate foron bastante tópicos, e parece que todo quedou en acordos de intencións, de xeito que fixeron unha proposta para crear unha carta dos dereitos da Internet para garantir que a Rede continúe a ser un lugar que achegue novas oportunidades á cidadanía e á democracia. Aínda así parece que este tipo de textos están totalmente baleiros de aplicación práctica, pois non esquezamos que a censura na Rede continúa presente en moitos países, mentres que outros non poden garantir o acceso ás novas tecnoloxías, polo que a carta de dereitos podería resultar tan simbólica como a dos Dereitos Humanos, carecendo dun valor práctico.
Outro tema que se debateu foi o excesivo poder dos EE.UU., que nun principio manteñen un control excesivo sobre o sistema de nomes de dominios que sostén á Internet, de xeito que incluso poderían borrar a un país da Rede, algo que aínda non realizaron, pero que resulta preocupante. Así, os EE.UU. son os únicos que poden pór e quitar dominios da Internet (de xeito que tanto rexeitan os .xxx como permiten os .travel ou os .cat) o que non parece gustar a moitos países (e, en especial, á Unión Europea). Parece así que o poder dos EE.UU. está a ser molesto a nivel internacional, posto que controlan un servizo internacional de xeito que poderían efectuar certos abusos non xustificables (e hoxe en día nin sequera predominan en número de usuarios na Rede, como pasaba hai anos).
Pero non só os nomes de dominio os dominios norteamericanos, senón que nas xornadas celebradas en Atenas amosaron a súa preocupación polo dominio do inglés nos contidos, de xeito que destacaron que o 90% das 6.000 linguas que hai no mundo non teñen presenza na Rede, polo que parece urxente a creación de contidos en linguas distintas ó inglés, para achegar á Internet ós seus falantes. Incluso citaron que durante situacións de emerxencias (tornados, tsunamis, terremotos...) é imprescindible que a información se publique na fala dos seus receptores. Así pois, a lingua en unha canle que non se pode ignorar, e non debe incrementar a fenda dixital, polo que é preciso tomar consciencia de tal problema e promover a creación de contidos nas distintas linguas de todo o mundo (aínda que non se determinaron medidas en concreto). En definitiva, moi boas palabras sobre o que se debe facer para mellorar o futuro da Rede, pero poucas cousas concretas, no que parece un debate pouco produtivo, cando menos, a efectos prácticos.

PUBLICIDADE