LocalVision: iniciativa galega para achegar contidos dixitais ás televisións locais de toda España

mércores, 12 de decembro do 2007 Fernando Sarasketa

O produtor galego José María Besteiro segue adiante na súa aposta pola televisión dixital. Se hai pouco poñía en marcha Distrivision (unha canle de contidos para empresas concesionarias de TDT con sede na Coruña e con presenza en 14 autonomías), agora é a quenda de LocalVisión, unha plataforma de programas para televisións locais que emitirá a través de Hispasat a partir do primeiro día de 2008.
Dito doutro xeito e para que se entenda: do que se trata é de axudar ás cadeas locais (en España hai unhas 1.000) a chegar a onde non teñen maneira de chegar en materia de programación, sobre todo por razóns de orzamento, vendéndolles contidos por 1.500 euros mensuais (o paquete básico).
Isto, segundo sinala Besteiro nun comunicado, non significa restar liberdade de movementos ás cadeas e ós operadores: “Fronte ó modelo de LocalMedia, que obriga ós seus clientes a inserir publicidade e emitir determinadas horas en cadea, nós creamos un modelo que afonda xustamente no contrario”. E prosegue: “Non hai obriga de emitir en cadea os nosos contidos nin hai que inserir spots da central, senón que o cliente dispón de absoluta liberdade para programar os nosos contidos á súa conveniencia e sen peaxes publicitarias”.

PUBLICIDADE