Fan portátil unha consola PlayStation 3

venres, 11 de abril do 2008 Marcus Fernández

O modding é unha práctica que non se limita aos ordenadores de sobremesa, e hai xente que opta por modificar a aparencia e prestacións das súas consolas de videoxogos, resultando especialmente abraiante o último traballo de Benjamin J. Heckendorn, que conseguir crear unha versión portátil da PlayStation 3 de Sony.
Heck colleu unha PlayStation 3 cun disco duro de 60 Gb (e retrocompatibilidade), conectoulle unha pantalla LCD de 17 polgadas con entrada HDMI e unha resolución de ata 720 liñas en progresivo, un teclado e uns altofalantes estéreo, todo integrado nunha mesma carcasa de xeito que ocupa 43,2 x 34,9 x 7,62 centímetros e pesa 7,25 Kg, polo que non ten unha alta portabilidade, pero si permite un uso da consola en calquera lugar onde se conte cunha toma de corrente eléctrica.
O autor desta obra de arte xa fixera portátil unha Xbox 360, unha Nintendo Wii e moitas outras modificacións de consolas, e esta última creación realizouse pensando en celebrar en breve unha poxa solidaria (os cartos irán a parar a beneficencia).

PUBLICIDADE