Gilberto Gil pide que se estimule a cultura p2p

mércores, 4 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

O cantante brasileiro Gilberto Gil (a piques de publicar un novo álbum, de nome Banda Larga Cordel) tense posicionado en repetidas ocasións a prol do software libre e dun tipo de transmisión da cultura e do coñecemento en xeral que sexa coma un diálogo de iguais e unha colaboración. Agora, dúas semanas antes do lanzamento do novo disco (que, como se deduce do título, xoga coa idea de evoluír cara a diante, formalmente no tecnolóxico, e tamén para atrás, aplicando ás cancións a arela de seren compartidas que teñen as cousas que hai nun patio de colexio), volve á carga situándose alén –aínda- do pensamento transmitido previamente.
Fíxoo basicamente defendendo a cultura das redes p2p, á que el mesmo denomina peerarquía, perante os asistentes ó Google Zeitgeist, un evento celebrado en Watford (Reino Unido). As declaracións do que foi cofundador do movemento tropicalista e actual Ministro de Cultura do Brasil aparecen recollidas e máis traducidas ó portugués no blog Pelenegra, amais de en Chuza! e en Joi Ito (en inglés).
Unha boa parte da súa intervención baséase en defender a transmisión libre da cultura, sendo as ditas redes un boa canle para facelo, malia os moitos ataques dos que están a ser obxecto nos últimos tempos. Para Gil, este tipo de portas abertas nos ordenadores de particulares polas que entran e saen todo tipo de ficheiros deberían ser estimuladas.
Ó seu xuízo, as tecnolóxicas do século XXI están a obrigarnos a reinvetalo todo, non sendo unha excepción o xeito en que damos e recibimos coñecemento. Neste senso, propón que se reiventen tamén as políticas lexislativas e que se afagan ao novo tempo que vivimos, co fin de que se deixe de etiquetar como pirata a quen comparte libros, programas ou cancións.
Este é en liñas xerais o chamamento de Gilberto Gil aos poderes públicos do mundo: “Acredito que quem quer que exerça um cargo de responsabilidade pública devia encarar a distribuição digital da Propriedade Intelectual como a forma mais directa e poderosa de democratizar o conhecimento que a história da humanidade já conheceu; mas em vez disso, o que acontece é que quase todas as instituições formais insistem em chamar a distribuição digital de ‘Pirataria’”.
E prosegue: “O que nós devíamos era ter em atenção os novos modelos de negócio e reinventar a análise das políticas legislativas”.

PUBLICIDADE