O Goberno sancionará ás empresas que envíen SMS lixo

luns, 18 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

As protestas reiteradas de milleiros de usuarios de telefonía móbil ante a proliferación dos chamados telefonazos lixo (o spam que chega a través do terminal) semella que están a surtir efecto. Polo menos, isto é o que ben se pode deducir das medidas que está a anunciar o Goberno para poñerlle fin dunha vez por todas a esta práctica en España, medidas entre as que se conta un anteproxecto de lei que serviría para declarala ilegal e que, nun principio, podería entrar en vigor antes de que remate 2008. Un dos detonantes deste movemento de ficha do Executivo central estaría no acontecido hai uns días co fraude a gran escala lanzado con feitura de SMS e no que se informaba da existencia dun mensaxe de voz sen escoitar e dun teléfono con prefixo 905 ao que facer un chamado para acceder a el.
O SMS en cuestión, que non era máis que un xeito de levarnos dun número a outro para quedarse cos nosos cartos, tivo unha característica da que non goza a gran maioría destas tentativas de roubo polo móbil: era un SMS máis ou menos crible. Isto, unido aos centos de denuncias motivadas polo mesmo (denuncias que reflicten só unha pequena parte dos fraudes consumados, tendo en conta a cantidade de usuarios que prefire non recoñecer a estafa) e aos abusos continuados de supostas empresas que se dedican a enviar chamadas e mensaxes non solicitados, é precisamente o que constitúe o alicerce do anteproxecto do lei do Goberno.
En virtude de aquel, informa o Ministerio de Sanidade, levar a cabo propostas non solicitadas de xeito repetido por teléfono, fax, correo electrónico ou outros medios de comunicación a distancia pasará a considerarse “unha actividade comercial desleal e agresiva”, sendo as compañías que a practiquen susceptibles de recibir unha sanción. Neste senso, cómpre dicir que malia terse estipulado a consecuencia xeral destas actividades (unha sanción), non se teñen aínda especificados os detalles. Ou sexa: o tipo de penalización en concreto que recibirán. Con todo, segundo informou El País os días pasados facéndose eco dun comunicado do propio Ministerio de Sanidade e Consumo, as sancións poden ir dende o económico até o mesmo cese dos servizos. Polo de agora, e para ir poñendo contra as cordas aos spammers telefónicos, o dito departamento do Goberno xa advertiu ás seis principais compañías de telefonía que operan no estado que deteñan de inmediato estas prácticas “que vulneran os dereitos dos consumidores”.

PUBLICIDADE