I+dea comeza a súa dinámica de traballo coas empresas do audiovisual galego
xoves, 4 de setembro do 2008
A Plataforma
Tecnolóxica Audiovisual, Galega I+dea, liderada polo Clúster Audiovisual
Galego e financiada pola Dirección Xeral de I+D+i, vén de anunciar que a
partires de mañá venres día 5 de setembro reanudará o plan de acción dos seus
grupos de traballo, integrados por empresas, centros tecnolóxicos e equipos de
investigación das tres universidades galegas, que teñen a misión de favorecer o
coñecemento máis avanzado para o futuro do sector audiovisual e desenvolver
proxectos tecnolóxicos de alto valor, que posteriormente poidan ser
comercializados.
A dinámica de traballo establecida por I+dea
vailles permitir ás empresas do sector audiovisual galego desenvolver proxectos
consorciados no ámbito das novas
tecnoloxías de comunicación audiovisual, facendo posible que “a nosa industria” concorra en primeira
liña e se beneficie das novas oportunidades de negocio que ofrecen os anovados
hábitos de lecer asociados ao consumo multimedia.
Con este obxectivo, mañá venres día 5 terá
lugar a primeira reunión do grupo de traballo de virtual learning de I+dea, no que están integradas algunhas das
máis relevantes institucións e empresas galegas vinculadas á difusión do
coñecemento e á aprendizaxe interactiva a través das novas tecnoloxías
multimedia. A reunión, que terá lugar na sede corporativa de Netex, en Oleiros
(A Coruña), servirá para determinar as prioridades estratéxicas, proxectos, liñas
de actuación e metodoloxía deste grupo de traballo.
O grupo de virtual
learning está formado polo Centro de Supercomputación de Galicia;
Filmanova; o Grupo Femxa; IB Cinema; Netex; Tecnocom; os grupos de
Investigación de Sistemas Intelixentes e de Tecnoloxía Educativa da
Universidade de Santiago de Compostela; e o Grupo de Enxeñería de Sistemas
Telemáticos e o Laboratorio de Televisión Dixital Interactiva da Universidade
de Vigo.
Este grupo de traballo foi creado dentro da
Plataforma I+dea coa finalidade de
avaliar a creación e adaptación de contidos e-learning
no campo da TV dixital interactiva (TDT, IPTV, TV móbil), así como de
desenvolver tecnoloxías e modelos de xestión innovadores para a aprendizaxe
virtual.
Contidos
audiovisuais interactivos
Continuando co plan de acción dos diferentes
grupos de traballo da Plataforma I+dea, o martes día 9 celebrarase no Club
Internacional de Prensa de Santiago a primeira reunión do grupo denominado ‘formatos e contidos audiovisuais
interactivos’. Forman parte deste grupo as empresas Adivina Producciones,
Área 5.1 Factoría Audiovisual, CRTVG, Congo Producciones, Continental
Producciones, Dyr Producciones, Filmanova, Galicia Media, Grupo Femxa, Imaxina,
Interacción, Loroestudio, Voz Audiovisual, Netex, N-Video, O Raio Verde,
Pórtico de Comunicaciones, Producciones Vigo, R e Tecnocom. Asemade, son
membros do grupo distintos equipos de investigación das universidades de
Santiago, A Coruña e Vigo; e institucións como a Dirección Xeral de
Comunicación Audiovisual da Xunta; a Fundación TIC e a Asociación Galega de
Empresas de Tecnoloxías da Información e da Comunicación, AGESTIC.
Este grupo de traballo foi creado no seo da
Plataforma I+dea co obxectivo de identificar oportunidades tecnolóxicas e de
negocio para a industria audiovisual galega que aproveiten as capacidades de
innovación dos novos medios de comunicación dixital e desenvolver solucións
globais de interactividade. Na súa primeira reunión, os integrantes
determinarán as prioridades estratéxicas do grupo de traballo e os proxectos e
liñas de actuación para os próximos meses.
A estas reunións están invitados os
representantes das plataformas tecnolóxicas das TIC, VINDEIRA, e do Produto
Gráfico e Libro Galego, ao abeiro da colaboración impulsada por NEURONA (Rede
de Plataformas Tecnolóxicas Galegas).