A galega Blusens presentará na CES de Las Vegas o reprodutor mp3 con tecnoloxía Wi-Fi

martes, 2 de xaneiro do 2007 Marcus Fernández

A empresa galega Blusens segue (e seguirá) a colleitar éxitos no mercado internacional das novas tecnoloxías da información vinculadas ó lecer, e todo iso dende unha cidade (Santiago) situada –en teoría– lonxe dos despachos onde supostamente se toman as grandes decisións na era da Sociedade do Coñecemento.
Referímonos á nova que vén de publicar A Voz onde se sinala a inminente presentación en Estados Unidos dun innovador produto da dita firma galega: o primeiro reprodutor MP3 que permitiría baixar música directamente da Rede, aparello tamén coñecido como G14.
Esta “conexión directa” con Internet vén dada por un chip que permite acceso sen fíos á Internet (tecnoloxía Wi-Fi). Blusens, que participou hai unhas semanas en Santiago na sinatura do Manifesto galego a prol do desenvolvemento da Sociedade da Información, adiantaríase con este produto a competidores como Apple ou Microsoft que, polo menos en cuestións de número de sedes sociais e directivos, sácanlle máis dunha cabeza.
O desenvolvemento da empresa galega será presentado en breve na Feira Internacional de Electrónica (CES) de Las Vegas, Estados Unidos, que dá comezo o 8 de xaneiro.
Polo momento, segundo informa a firma compostelá, xa está confirmado o interese de até 55 empresas para comercializar os devanditos reprodutores nun número importante de países. O seu custe en España será duns 190 euros.

PUBLICIDADE