A Semana da Ciencia medra en actividades (106) e participantes (62)

martes, 4 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

Hai máis fendas que a dixital. En certa maneira, tamén se pode falar de fenda científica, habendo unha imaxe moi gráfica para definila: xente e máis xente pasando á beira dun centro de investigación e preguntándose en que traballará a xente que se ve dende fóra, manexando material tecnolóxico. Entre uns e outros, incomunicación. Con todo, nestes últimos anos semella que as cousas van mudando. Non só hai máis interese por parte dos cidadáns de saber que acontece entre as catro paredes dun laboratorio e en que medida iso lles beneficia, senón que os propios científicos comezan a poñer os mesmos esforzos en desenvolver un labor concreto que en comunicalo. Pois ben, gran parte da culta disto téñena a Semana da Ciencia e as actividades que a integran, cada vez máis divulgativas e, coma se lle fixeran unha chiscada de ollo á nova orde informática, participativas.
A Semana, que se presentou (a edición 2008) este martes no Café Casino de Santiago, é unha actividade organizada a moitas bandas: concorren nela a Dirección Xeral de I+D en labores de coordinación e unha manchea de institucións, centros de investigación e empresas, até un total de 62.
A Semana da Ciencia, actividade europea especialmente activa en Galiza, é un xeito de poñer en contacto aos responsables da innovación e a tecnoloxía do común da cidadanía (como tirar abaixo paredes e xanelas e facer todo o posible porque os científicos nos saian ao paso, procurémolos ou non). Este ano, polo que sinalou o director xeral de I+D, Salustiano Mato, non só se mantivo a calidade e a cantidade das actividades, senón que se incrementou: serán 106 accións divulgativas de toda índole e a desenvolver en todos os recantos da nosa terra, non só nas cidades, entre o 10 e o 23 de novembro.

A Terra, o eixe principal

A temática principal, coincidindo a celebración co Ano da Terra, será o coñecemento a prol dos recursos enerxéticos, o sustentable e, en definitiva, todo aquilo que a ciencia pode facer para resolver o gran problema do noso tempo: o quecemento climático. As novidades, como dixemos, serán de natureza dupla: por unha banda os contidos van ter unha índole máis ecolóxica, e pola outra, canalizaranse cos máis arriscados formatos. En boa medida, recóllese a testemuña do ano pasado pero espallándoa. Xesús Ron, integrante do Grupo de Teatro Chévere (participante activo na Semana), foi quen de resumir este punto xeral ao tempo que definía un elemento concreto, a nova obra que achega a súa agrupación: “A nosa acción deste ano constitúe unha continuidade da que levamos a cabo na anterior convocatoria, pero abrindo novos vieiros”.

Cabaré científico

Tanto Salustiano Mato como Xesús Ron coincidiron na necesidade de saírlle ao paso á sociedade galega con actividades que sexan divertidas sen renunciar á divulgación. Ou sexa, que a idea é chegar até onde se poida chegar unindo mundos a priori contrapostos. Por exemplo, o da ciencia e o das artes. Ou mellor aínda: o da investigación e o cabaré. A mestura de extremos, neste senso, funciona como un altofalante, enriquecendo a obra coas achegas no guión dos científicos e coas melloras comunicativas dos actores no día a día dos investigadores. Este é o alicerce dunha parte das actividades incluídas este ano na Semana da Ciencia e, máis polo miúdo, da obra SOS Planeta Terra que representará Chévere a partir desta semana na Sala Nasa de Santiago e logo en Pontevedra (o día 14), Ourense (o día 15), Ferrol (o 29) e Lugo (o 5 de decembro). Por certo que a xira terá continuidade en Asturias, froito dun acordo da Dirección Xeral de I+D co seu Goberno. A obra, que non pretende equiparar o calado científico doutras accións presentadas, é probablemente a achega máis arriscada no que se refire ao formato elixido de todas as Semanas da Ciencias que se celebran a nivel español. “Estamos chamando a atención dende Galiza”, comentou a este respecto Xesús Ron, e isto púidose comprobar ao longo da anterior edición coa xira que Chévere estendeu a toda España dando a coñecer aos cativos e cativas os segredos da nanociencia. Este ano, como era de agardar, tocarase de cheo a temática das ciencias da Terra e a súa problemática pero sen renunciar ao humor. “Máis que divulgar, a nosa idea é sensibilizar”, puntualizou Ron durante a sesión de posta en longo da Semana, celebrada no Café Casino de Santiago. En certa maneira, a obra é unha homenaxe a moitas cousas: ao formato de cabaré, ao musical, ao teatro, ás contribucións científicas pasadas e futuras (sobre todo no eido da substentabilidade) e, aínda que non o creamos, á nova orde comunicativa da Sociedade da Información. Ou sexa: ao espírito de compartir e participar. De feito, xa se lanza un aviso dende Chévere: o público tamén vai ser parte activa do espectáculo. Por certo que non só o público, senón tamén os propios científicos son parte fundamental da preparación da peza. Para Xesús Ron, foron de gran axuda corrixindo posibles erros de rigor ou mesmo facendo suxestións no libreto. Pero o máis importante, subliñou, é que foron quen de perderlle o medo ás táboas.

Buscando un diagnóstico

A Semana da Ciencia 2008 vén proposta, máis que nunca, como un xeito de tomarlle o pulso á Terra. De diagnosticar o seu estado de saúde. Para Salustiano Mato, é sen lugar a dúbidas na ciencia onde temos que buscar as respostas para os problemas da Terra. A Semana, que vai encamiñada a divulgar pero tamén a crear conciencia (ecolóxica, sobre todo), servirá para relembrar e relembrarnos que ao planeta hai que respectalo, malia que lle sigamos a pedir todo o que pode dar. Pero iso si: en palabras do director xeral de I+D, pedíndollo da maneira en que o pode dar.

Apoios, orzamentos e actividades

Na Semana da Ciencia 2008, que contará con case 800 mil euros de orzamento, tomarán parte activa 62 entidades públicas e privadas de toda Galiza. As accións programadas, que se desenvolverán por toda a nosa xeografía partir do 10 de novembro, serán 106. Os formatos, tan diversos como se pode imaxinar, igual que a temática, aínda que a Terra e o coñecemento científico relacionado con ela sexa a columna vertebral da Semana. Isto, entre outras cousas, significa un incremento das accións do 55% con respecto á anterior edición, pasando tamén os participantes de 50 a 62.
Entre os entes organizadores da Semana da Ciencia atópanse as tres universidades galegas, centros tecnolóxicos, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), concellos, asociacións, empresas, museos científicos e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), entre outros.
Por tipo de actividade, a categoría cursos e obradoiros é a máis numerosa, 31, seguido de exposicións interactivas (17) e mesas redondas e conferencias (16). Polo demais, celebraranse 10 xornadas de portas abertas e visitas guiadas e 9 itinerarios didácticos e excursións.
Como dixemos, en Galiza a Semana da Ciencia está coordinada pola Consellaría de Innovación e Industria, a través da súa Dirección Xeral de I+D+i, en colaboración con FECYT, Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación, que coordina o evento no ámbito estatal.
Co fin de recadar máis información sobre cada evento programado cómpre visitar a web habilitada pola Dirección Xeral, que inclúe datos detallados sobre cada actividade (data, lugar, tema, orientación, etc).

PUBLICIDADE