Antena 3 lanza a súa propia canle en YouTube

martes, 13 de marzo do 2007 Raquel Noya

A guerra dos medios non cesa. Na súa constante loita por acadar audiencias, as canles de televisión están a facer o inimaxinable, o nunca visto (todo agás televisión de calidade). A cadea privada Antena 3, non conforme con liderar o “prime time” das rendibilidades por dividendo do Mercado Continuo xunto con Telecinco (ambas obteñen retribucións atípicas a través de títulos), vén de pór a andar unha canle propia en YouTube dende a que difundirá os seus contidos en Internet, unha iniciativa moi semellante á da cadea pública británica, a BBC, e que esta levará a cabo mediante un contrato coa web propiedade de Google.
Vídeos de programas de produción propia, de series, de novas dos informativos ou de todo o que se emita pola canle que preside José Manuel Lara (e que teñan un mínimo de interese para os internautas) serán difundidos con posterioridade pola plataforma líder no mundo de vídeo por Internet, a través de www.youtube.com/antena3.
Os usuarios de YouTube poderán ademais comentar, avaliar e recomendar os vídeos subidos á Rede, así como publicar as súas propias creacións audiovisuais e comunicarse con outros usuarios.

PUBLICIDADE