NBC e News Corporation lanzarán un sitio de vídeos en Internet para facerlle fronte a YouTube

luns, 26 de marzo do 2007 Raquel Noya

As compañías NBC Universal, filial de General Electric e News Corporation, propiedade de Rupert Murdoch, veñen de anunciar o lanzamento dun novo sitio de vídeos en Internet que competirá co popular e coñecido YouTube, o portal de procura de creacións audiovisuais máis importante da Rede (e tamén a plataforma máis denunciada polos medios de comunicación no que vai de ano). A web, que terá a súa sede en Nova York e Los Ángeles, comezará a súa andaina este verán e ofrecerá miles de horas de programas de televisión, películas e outros contidos audiovisuais de balde para os internautas, dun xeito semellante ó que vén facendo YouTube dende a súa creación pero, neste caso “polo legal”, mediante acordos xa asinados cos autores dos dereitos de propiedade intelectual das imaxes.
Esta iniciativa, xunto co incremento da popularidade de YouTube e outros sitios de intercambio de vídeo, amosan o crecente auxe que tomou nos últimos anos a difusión de contidos audiovisuais na Rede.
Até un 96 por cento do total mensual de usuarios únicos de internet en Estados Unidos fan uso deste tipo de servizos e a partires do verán terán acceso a unha vasta oferta de novos vídeos entre os que se prevé: episodios completos e secuencias de series populares como Heroes, 24, My name is Earl ou Os Simpson e películas como Borat, Pequena Miss Sunshine ou O demo vístese de Prada.
As compañías creadoras, non rexeitan a adquisición doutros programas orixinais e a incorporación de máis contidos audiovisuais a través de novos acordos con outros potenciais distribuidores en Internet.

PUBLICIDADE