14 candidaturas nos Goya para o O Apóstolo, que comeza o seu itinerario nas salas independentes

mércores, 5 de decembro do 2012 Redacción

A película galega O Apóstolo preséntase aos Goya con 14 candidaturas e comeza o seu percorrido nun circuíto alternativo en paralelo ao circuíto comercial, grazas ao apoio de salas de exhibición independentes e entidades culturais como a Fundación Autor ou a Fundación Novacaixagalicia. Esta última comeza a programación na sede da Rúa do Vilar de Santiago de Compostela este 5 de decembro.
O éxito de crítica e público en festivais internacionais”, sinalan os creadores do filme, “avalan a calidade desta cinta, que se mantén por quinta semana en salas comerciais”. Debido ao pequeno número de copias coa que se estreou e á enorme demanda dun público que non consegue atopala, a acollida nas devanditas salas alternativas “está a ser un éxito”, engaden.
Como lembraremos O Apóstolo fíxose posíbel en parte grazas á técnica do crowdfounding nas redes, e trátase da primeira película de animación europea realizada coa técnica de animación stop-motion estereoscópica. Catro anos levou a realización dun proxecto no que participou Philip Glass na composición da banda sonora, e máis de cen técnicos internacionais provenientes de películas como A Noiva Cadáver ou Coraline e que contou coa intervención de actores consagrados como Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Paul Naschy ou Luís Tosar.

PUBLICIDADE