O filme galego O Apóstolo rodarase con tecnoloxía stop-motion e estereoscópica

luns, 27 de xullo do 2009 Fernando Sarasketa

A FNAC da Coruña acolleu os días pasados a presentación de O Apóstolo, filme galego que segundo os seus responsables constitúe o primeiro de todo o panorama estatal que emprega tecnoloxía de animación stop-motion e máis a técnica estereoscópica encamiñada a crear a ilusión de fondura nos fotogramas. Á cita, que se desenvolveu na Coruña o venres 24 (e non foi casualidade que así fora, tendo en conta que se trataba da véspera da festividade do Apóstolo), contou coa presenza do director de fotografía da película, Matthew Hazelrig, entre outros participantes na rodaxe: o director Fernando Cortizo (natural de Santiago e galardoado en diferentes ocasións polo xurado dos Mestre Mateo) e os actores Carlos Blanco, Isabel Blanco ou María Hernanz.
O encontro cos medios, no que cada un os responsables do filme foi desvelando un feixe de detalles sobre o proxecto (que fica aberto na Rede á participación activa dos internautas como produtores), complementouse pola tarde cun debate no que participou arreo o público asistente. A película ten prevista a súa estrea para o día 25 do ano 2010.
Por certo que logo da sesión de debate anunciouse un máis que completo panorama de presentacións do proxecto ao longo e ancho da rede de establecementos que a FNAC ten por todo o territorio estatal.
Na longametraxe colaboran ROSP Coruña, FNAC, Axencia Audiovisual Galega, Consellería de Cultura, Concellaría de Cultura e Concellaría de Turismo do Concello de Santiago, Deputación de Lugo, Real Filharmonía de Santiago, Consorcio de Santiago, IGAPE e SGR Audiovisual.

PUBLICIDADE