A UVigo lanza o meirande dicionario plurilingüe do galego en app

venres, 7 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de publicar o que sería o meirande dicionario plurilingüe do galego en aplicación móbil para Android. A ferramenta, habilitada xa en Google Play, vén da man do Seminario de Lingüística Informática. Chámase Galnet e inclúe traducións e sinónimos para dez linguas: galego, portugués, catalán, vasco, español, inglés, alemán, latín, italiano e chinés.
Segundo informa a UVigo, o dicionario-aplicación emprega o repertorio léxico de WordNet, un proxecto internacional no que participa o dito Seminario desde 2010 co obxectivo de integrar o léxico galego nesta rede semántica interlingüística.
Impulsando este proxecto atópase o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart, coordinador do equipo que desenvolveu o dicionario GalNet, unha obra que reúne 725.000 palabras, das que 70.000 corresponden a verbas en galego.
A rede Galnet é unha rede léxico-semántica para a nosa lingua, un recurso léxico-semántico da versión estándar do galego para todas as aplicacións informáticas que traballan coa linguaxe. “Ten moitas utilidades, pero principalmente é un dicionario electrónico que facilita que os programas que procesan linguaxe sexan capaces de deducir o significado das frases e actuar en consecuencia”, sinala o profesor Gómez Guinovart, lembrando que se trata do recurso que emprega o Google Translate, como apoio no seu proceso de tradución en calquera das linguas que contan co seu WordNet.
Esta ferramenta para a lingua galega desenvolveuse no marco do proxecto SKATER (Scenario Knowledge Acquisition by Textual Reading), no que participaron tamén as universidades de Euskadi, Pompeu i Fabra, Barcelona e Politécnica de Catalunya, baixo a coordinación desta última. Foi un traballo que contou cun financiamento estatal de tres anos de duración e un orzamento total de 400.000 euros e dentro do cal se desenvolveron tamén os WordNet do catalán, do euskera, do castelán e do portugués.

PUBLICIDADE