A aula CeMIT de Ribeira abrirá as súas portas en xuño

martes, 14 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, achegouse esta mesma mañá ata a localidade coruñesa de Ribeira para comprobar de primeira man o estado no que se atopa o local que vai dar acollida á nova aula da Rede CeMIT da vila, na que se investirán uns 90.000 euros.
Trátase dos baixos da escola infantil da rúa Cubeliños, un espazo de 80 metros cadrados, dos que 75 irán destinados á aula tecnolóxica; un espazo que, por certo, estará acondicionado acusticamente.
A nova aula, que substitúe á que está situada na Confraría de Pescadores dende o 2002, disporá dunha sala de telecomunicacións e un almacén, así como dun equipamento de 13 ordenadores e unha impresora láser para uso libre dos veciños e veciñas.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, visitou en Ribeira o local no que se ubicará a nova aula da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión tecnolóxica, CeMit, da localidade.

Tamén contará cun equipo profesional de videoconferencia para usar baixo supervisión do axente de dinamización TIC, e con material audiovisual de calidade e pantallas de proxección e plasma onde poder visualizalo.
O mobiliario da nova aula complétase con 12 mesas e 24 cadeiras para os usuarios e usuarias; con sistemas de control para modificar o escenario e nada menos que cun panel de conexión de prensa.
Esta nova aula CeMIT estará conectada á Rede Corporativa da Xunta de Galicia co que se beneficiará dos eventos formativos e divulgativos que se leven a cabo en calquera dos 98 centros que integran a Rede.
Asemade, segundo informan dende a Xunta, participará no programa de dinamización tecnolóxica que o Goberno galego ofrecerá “a partir do vindeiro mes de marzo”.

PUBLICIDADE