A nova achega a concurso en Animacam converte á selección de fútbol en animacións

mércores, 7 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

Vivimos días de febre deportiva, e malia que a saturación de vermello e amarelo non é prato de gusto para moitos de nós, tamén é certo que en ocasións a creatividade xurdida ao abeiro da selección española pode ter o seu aquel. E máis se as propostas creativas converten aos protagonistas do equipo, eses personaxes que no plano real semellan dicir menos cousas interesantes canto máis cobran, en figuras máis divertidas. Como por exemplo as da nova peza a concurso no certame galego Animacam.tv, un evento en liña que premia as melloras curtas do ano e que fai especial fincapé en todo o que teña que ver co Camiño de Santiago e cos acontecementos da actualidade.
Segundo contan os responsables deste certame, a peza en cuestión é unha miniserie de debuxos animados, filmada case en tempo real, sobre os xogadores da selección española no Mundial de Sudáfrica.
O filme vén da man da produtora catalá Chips and Films, e o primeiro capítulo ábrese coa intervención directa do lateral dereito do combinado, Sergio Ramos, que comparte cos internautas as súas impresións do recente bloque ante Paraguai nos cuartos de final. “Con este filme”, informan dende Animacam, “a concurso na Sección Oficial, xa son 140 os recibidos de 43 países dos cinco continentes nesta terceira edición, a tres meses aínda da fase final de recepción de filmes”. A peza sobre a vermella é un novo exemplo do labor de mobilización de Limaia Producións (o selo responsable de Animacam, con sede en Sandiás) cara a usuarios, navegantes e creadores.
Chip and Films, con emprazamento en Barcelona, vén da man de Alberto Busquets e a súa andaina caracterízase por achegar producións animadas con continuidade na Rede.


Clip coa caricatura animada de Sergio Ramos

PUBLICIDADE