A plataforma galega I+dea inicia a súa andaina á procura da interactividade

martes, 9 de setembro do 2008 Fernando Sarasketa

O interactivo é hoxe en día ao audiovisual unha boa oportunidade de manifestarse. Practicamente, a proliferación da TDT, dos móbiles e da Web mesma non permitirían outra cousa. De non ser interactivo o audiovisual que nos chega polas novas canles dixitais, teríamos entre mans algo moi semellante a unha autoestrada de seis carrís onde todo o mundo transitase pola dereita. Tirar partido da tecnoloxía recente a prol da produción de contidos é o gran obxectivo da plataforma I+dea, liderada polo Clúster Audiovisual Galego e financiada pola Dirección Xeral de I+D. Por certo que a iniciativa (da que falamos hai uns días nesta mesma web) vén de chegar hoxe a un intre decisivo da (polo de agora) súa breve historia: a posta en marcha oficial do grupo de traballo de formatos e contidos audiovisuais interactivos.
A posta en logo do seu plan de acción celebrouse este martes no Club Internacional de Prensa de Santiago.
O grupo, que ten o obxectivo de localizar oportunidades tecnolóxicas e de negocio para o sector galego, está integrado por un importante número de empresas e conta co apoio das tres universidades galegas e de institucións como o devandito departamento de I+D e da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, da Fundación TIC e de AGESTIC. Entre as firmas integrantes, atopamos as seguintes: Adivina Producciones, Área 5.1 Factoría Audiovisual, CRTVG, Congo Producciones, Continental Producciones, Dyr Producciones, Filmanova, Galicia Media, Grupo Femxa, Imaxina, Interacción, Loroestudio, Voz Audiovisual, Netex, N-Video, O Raio Verde, Pórtico de Comunicaciones, Producciones Vigo, R e Tecnocom.
A reunión de hoxe serviu para marcar as prioridades estratéxicas e as liñas de actuación a seguir nos vindeiros meses. Segundo sinalaron os responsables da plataforma, a dinámica establecida por I+dea, a través de cinco grupos de traballo especializados, vai permitir “que a nosa industria participe en primeira liña e se beneficie das novas oportunidades de negocio que ofrecen os novos hábitos de lecer e de consumo multimedia que permiten as novas info-estruturas de comunicación”.

PUBLICIDADE