A presentación da Xbox One foi un dos eventos máis vistos por streaming

mércores, 29 de maio do 2013 Marcus Fernández

Cando falamos de eventos con grande seguimento en vivo a través da Internet tendemos a pensar en encontros deportivos, vodas reais ou actos como a toma de posesión do presidente dos EE.UU., pero aínda que non estean dirixidos a un público tan masivo, as presentacións tecnolóxicas tamén teñen un forte impacto, como vén de demostrar Microsoft, que dá conta de que a presentación da súa nova Xbox One converteuse nunha das retransmisións por streaming máis seguidas de todos os tempos, con máis de 8,45 espectadores nas primeiras 24 horas. De feito, esta marca triplicaría a anterior marca de Xbox.com e dende Akamai (compañía encargada da distribución do fluxo de vídeo) aseguran que esta última retransmisión case dobrou o pico de tráfico e eclipsou o número de espectadores simultáneos doutras marcas como as do Mundial de Fútbol de 2010, a Voda Real Británica de 2011 e a noite electoral de 2012 (nos EE.UU.).
Pero a presentación destacou especialmente pola súa ambigüidade, deixando demasiadas cousas no tinteiro, polo que haberá que agardar á celebración do E3 para que as moitas informacións que están a circular véxanse confirmadas, desmentidas ou matizadas, pois algúns dos pasos que pretenden que dea a vindeira xeración de consolas de videoxogos poderían ser moi polémicos (como forzar a que as consolas conten con acceso á Rede para o rexistro dos xogos ou impor taxas aos xogos mercados de segunda man).

PUBLICIDADE