Apple renova os seus Macbook, Mac mini e iMac

mércores, 21 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A renovación de equipos de Apple esta semana foi bastante discreta, pese a realizar profundos cambios en varios dos seus equipos, e así o Macbook continúa na liña de converterse nun portátil Mac a un prezo axustado (véndese a partires de 879 euros) e finalmente adopta o deseño unibody (o que provoca a perda da entrada de audio, da conexión de FireWire e da posibilidade de cambiar a batería sen remitir o equipo ao servizo técnico), aínda que conservando o plástico coma material de fabricación. Tamén contará cun recubrimento dun material antideslizante.
O equipo ten unha pantalla de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.280 x 800 píxeles e con retroiluminación LED que integra unha webcam iSight. Funciona cunha tarxeta gráfica GeForce 9400M de nVIDIA con 256 Mb de SDRAM compartida coa memoria principal e un procesador Intel Core 2 Duo a 2,26 GHz, 2 Gb de RAM (ampliables a 4 Gb) e disco duro de 250 Gb (ampliable ata 500 Gb), e a súa batería permite unha autonomía de ata 7 horas. Aínda que con estas prestacións podería achegarse a un ordenador ultraportátil, posiblemente a súa principal eiva de cara á mobilidade estaría nos seus 2,13 quilos de peso.
Sáelle un irmán ao Mac mini
Sorprende que mentres había rumores de que o Mac mini ía ser descontinuado por parte de Apple, a compañía de Cupertino decidiu mellorar as súas prestacións para dotalo dun procesador Intel Core 2 Duo a 2,26 GHz (ampliable ata 2,66 GHz), 2 Gb de RAM (ampliables a 4 Gb) e disco duro de 160 Gb (ampliable ata 500 Gb), contando tamén con tarxeta gráfica GeForce 9400M, 1 porto FireWire 800, 5 portos USB 2.0 e unha gravadora de DVD.
Amais, a mellora de prestacións vén acompañada por unha redución de prezo duns 30 euros, de xeito que podería adquirirse a partires de 549 euros (a opción máis económica para entrar no mundo do Mac).
Pero á xente de Apple ocorréuselle que as gravadora de DVD do Mac mini podería ser un elemento superfluo, e así lanzan unha versión do equipo que a substitúe por outro disco duro, á vez que funciona co sistema operativo Snow Leopard Server, facilitando o uso deste pequeno equipo coma un servidor, o que pode resultar moi útil para pequenas empresas, despachos ou aulas, e que é compatible tanto con PC coma con Mac (á vez que tamén ten un consumo enerxético moi inferior ao doutros servidores). O Mac mini con Snow Leopard Server véndese a un prezo de a partires de 929 euros.
O iMac modifican as súas pantallas
Pero no escritorio non todo son equipos pequenos, senón que os equipos de referencia de Apple para o escritorio, os iMac, tamén experimentaron importantes cambios, sendo o máis rechamante que pasaran dun formato de pantalla de 16:10 a 16:9, de xeito que agora as súas resolucións de pantalla son de 1.920 x 1.080 píxeles (nos modelos de 21,5 polgadas) ou 2.560 x 1.440 píxeles (para pantallas de 27 polgadas).
Estas pantallas gozan de retroiluminación LED, grazas á tecnoloxía IPS teñen un ángulo de visión de 178 graos, pero non son a única novidade dos iMac, que tamén incorporan procesadores Core i5 e Core i7, de xeito que os modelos máis avanzados contan cun procesador de ata 4 núcleos dos que poderá dar conta o novo sistema operativo Snow Leopard.
Os iMac póñense á venda por 1.049 euros no seu podelo con pantalla de 21,5 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, procesador Core 2 Duo a 3,06 GHz, 4 Gb de RAM, disco duro de 500 Gb, SuperDrive e tarxeta gráfica nVIDIA GeForce 9400M; mentres que por 400 euros máis mellórase a súa pantalla para contar con 27 polgadas (cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles), un disco duro de 1 Tb e unha gráfica Radeon HD 4670 con 256 Mb de memoria propia. Xa por 1.749 euros podemos adquirir o modelo con procesador Core i5 de 4 núcleos a 2,66 GHz, gráfica Radeon HD 4850 con 512 Mb de memoria e pantalla de 27 polgadas.
Os iMac inclúen tanto teclado sen fíos coma o novo Magic Mouse, e tamén destacan por incluír un porto Mini Display Port, o que posibilita o seu uso coma monitor externo dun portátil de Apple.

PUBLICIDADE