Arrinca o 2º programa de emprendemento de SmartPEME con oito mulleres innovadoras

martes, 25 de abril do 2023 S. P.

Oito mulleres de Pontevedra, Salvaterra, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa están a participar xa na segunda edición do Programa de Emprendemento de SmartPEME (programa de capacitación tecnolóxica da Deputación de Pontevedra) no Viveiro de Empresas situado no Polígono de Barro. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, visitou este martes 25 de abril as instalacións para coñecer de primeira man os proxectos das oito emprendedoras, que están a recibir (durante tres meses), formación e asesoramento por parte do equipo profesional de SmartPEME.
Os contidos, entre outros temas, poñen o foco nas claves para mellorar a competitividade, manexar as novas tecnoloxías, crear plans de empresas e de mercadotecnia ou tamén unha identidade corporativa. NA xornada deste martes tamén participaron nunha sesión de LEGO Serious Play.
Carmela Silva puxo en valor o feito de que todos os proxectos estean liderados por mulleres porque “no ámbito da economía temos moitos pasos que dar, e temos que seguir sendo moitas máis mulleres para poder chegar á metade, xa que eles aínda son moitos máis” malia que “as mulleres sexamos máis do 60% das persoas tituladas universitarias e, polo tanto, a maioría do talento”.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Abraldes, deu os parabéns ás participantes e asegurou que “é un orgullo que teñamos en Barro este edificio que funciona como núcleo central de apoio ás persoas emprendedoras, e ademais dentro dun polígono que segue medrando e enchéndose de actividade económica”.
No programa participan Sonia Limés, de Pontevedra (coa empresa Alecrín Atención Temprana), Beatriz Amorín, de Pontevedra (con BAmorin, proxecto de ioga), Susana Rodríguez, de Salvaterra (co proxecto Hiar, Artesanía en Estampado Botánico), Patricia Josefina Hernández, de Pontevedra (coa firma de sobremesas en tarros Dulces Prodigios), María Agustina Pereira, de Vigo (Gestión Integral de Subvenciones, empresa que axuda a pemes e persoas autónomas a impulsar os seus negocios), Ángeles Oubiña, de Vilagarcía (cun proxecto para elaborar un produto de protección UV), Eloísa Puig, de Pontevedra (con Musggo Yoga), e Aida Mascato, de Sanxenxo (con Carmencitas, dedicada á produción de tortas e doces e organización de eventos).
O programa conta con dúas fases. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades de capacitación, compostas por distintos obradoiros enfocados á creación dun plan de empresa, mercadotecnia dixital, web, desenvolvemento de habilidades empresariais ou finanzas. Estas sesións, dinámicas e innovadoras, buscan potenciar os proxectos e favorecer tanto a colaboración como a creación de sinerxías co resto de persoas participantes. A segunda fase será a de mentoring, que constará de sesións de traballo individualizadas con persoas asesoras expertas en emprendemento, novas tecnoloxías e imaxe dixital (todas elas adaptadas ás necesidades de cada proxecto). O itinerario suma un total de 60 horas de actividades presenciais e virtuais, segundo as necesidades das persoas participantes. As presenciais desenvólvense no Centro Provincial de Economía Dixital de SmartPEME no Viveiro de Empresas de Barro, para colaborar no fomento do emprendemento rural e favorecer a creación dunha economía social e sustentábel.

PUBLICIDADE