As melloras na pantalla da PSP poderían empeorar a calidade das súas imaxes

martes, 21 de outubro do 2008 Marcus Fernández

A comparación entre as pantallas da PSP nova o anterior modelo evidencian os problemas detectados na PSP-3000

Nas últimas horas unha queixa nun foro de PlayStation deu a volta ao mundo deixando en evidencia as melloras introducidas na PSP-3000, que serían a integración de micrófono para o uso de aplicacións coma Skype e a mellora da súa pantalla, pero este último elemento está a resultar polémico, pois segundo parece a pantalla presenta unhas cores máis vivas, pero pola contra en certos xogos se notan as scanlines (fileiras horizontais de píxeles en pantalla) e problemas de entrelazado como se pode ver na imaxe que acompaña a este texto, polo que para moitos usuarios a pantalla sería un claro paso atrás para a consola portátil de Sony.
De feito, ao detectar ese problema se pensou que se trataba dun defecto de fabricación, ata que dende Sony confirmaron que tal problema non se vai arranxar mediante unha actualización do software da consola nin a través do servizo técnico porque non se trata dun fallo senón dunha característica.
Dende Sony sosteñen que as scanlines só se perciben en escenas nas que cambia drasticamente o brillo, mentres que no resto de ocasións a nova pantalla integrada na PSP-3000 ofrece unhas cores máis naturais e vibrantes, mentres que as ringleiras de píxeles se fixeron máis visibles ao mellorar o tempo de resposta da pantalla para evitar imaxes pantasma. Parece así que todo se reduce a unha cuestión de criterios, polo que haberá que agardar se o público prefire as novas ou as vellas pantallas da PSP, e se tar percepción afectaría a súa posible substitución nun futuro.

PUBLICIDADE