As metodoloxías áxiles e o concepto de OKR, ao detalle nun novo curso de Vitae e Javier Garzás

martes, 16 de novembro do 2021 S. P.

Javier Garzás, un máis prestixiosos formadores tecnolóxicos do ámbito estatal, prosegue este mes de decembro a súa frutífera colaboración coa consultora galega Vitae. Faino achegando o curso OKRs e Estratexia Áxil, unha actividade de oito horas de formación que se desenvolven en formato de aula virtual, os días 9, 15 e 16 de decembro. O curso preséntase como unha nova porta de entrada ás metodoloxías áxiles aplicadas á creación e á xestión de proxectos, cada vez máis presentes no día a día das nosas empresas do sector TIC.
O obxectivo é que rematemos a actividade formativa cunha manchea de experiencias, consellos, aclaracións, guías e boas prácticas sobre o uso de OKRs. Recursos que nos permitirán traballar cos nosos propios OKRs e que “con toda esa bagaxe poidamos proseguir evolucionando”.
Por certo que OKR son as siglas en inglés de Objectives and Key Results que galego podería traducirse como obxectivos e resultados clave: os obxectivos poden ser os resultados que queremos obter, e os resultados clave son os parámetros que serven para saber se nos atopamos no camiño correcto para alcanzalos.
O curso está dirixido a directivos, xefes de proxecto, propietarios de produto, etc.
Non se requiren coñecementos previos de metodoloxías áxiles.
A persoa encargada de impartir os contidos é Javier Garzás, doutor cum laude e enxeñeiro superior en Informática. Con estudos post-doutorais e investigador convidado na Universidade Carnegie Mellon dos Estados Unidos (onde desenvolveu tarefas de investigación en metodoloxías áxiles), é experto en equipos profesionais e en recursos innovadores para a materialización de proxectos avanzados. Até o de agora ten axudado a máis de 80 empresas a mellorar os seus procesos de xestión e traballo.Adícase a axudar a empresas que fagan mellor software (en tempo, con produtividade, con calidade e con felicidade). É autor do blog www.javiergarzas.com, que conta cunha media de 2.500 visitas diarias.

PUBLICIDADE