As redes P2P do mañá irán de veciño a veciño

xoves, 21 de agosto do 2008 Fernando Sarasketa

Imaxe vista no sitio de johntrainor.

As redes P2P seguen a ser fonte de polémica, pero nada hai que indique certamente que vaian desaparecer. Exemplo máis ou menos perfecto da necesidade que temos de compartir para uns, peche de negocio definitivo para outros, ultimamente están a ser obxecto (tamén) de certas meditacións sobre a feitura e fondo que terán no futuro. O que hoxe son basicamente portas abertas nos nosos computadores dende as que permitimos que xente de todo o mundo nos colla cousas a cambio de coller nós outras súas é ben probable que o día de mañá, de xeito paradoxal, achegue un círculo de contactos máis pechados. Máis polo miúdo, o círculo da veciñanza. Cousas da Rede: canto máis ampla se fai, máis tamén se afianzan os camiños que nos levan á finca de atrás e á rúa de en fronte.
Segundo veñen de sinalar investigadores da Universidade de Washington, o vieiro cara a veciñanza pola vía destes servizos será o xeito máis idóneo de reducir a conxestión da Rede cara a, precisamente, un bo uso das P2P.
Do que se tratará, para que a Internet non se colapse, de compartir coas persoas máis próxima en troques de con internautas dos currunchos máis afastados. Isto, que non ten por que ser mellor nin peor para a nosa calidade de vida (todo depende dos gustos musicais que teñan os nosos veciños, claro), si que semella que vai ser positivo para a Internet mesma, hoxe en día cada vez máis saturada por mor do tráfico ceibe de arquivos. Dito doutro xeito: segundo os devanditos investigadores, máis tarde ou máis cedo o uso de redes P2P pode converterse un problema serio para o tráfico de información. Máis que nada se temos en conta que os paquetes de datos viaxan longas distancias, de até 1.600 quilómetros. Pola contra, as redes locais minimizarían estes percorridos a uns 250 quilómetros. Fronte aos problemas de hoxe, teremos polo tanto a tecnoloxía P4P, que implica que o intercambio local acade o 60% do total, fronte ao 6% de a día de hoxe. Resultado: a velocidade da rede aumentaría un 20% e sen perder rendibilidade.

PUBLICIDADE