Blusens presenta a súa tecnoloxía na feira CABSAT de Dubai

xoves, 10 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Blusens, con sede en Compostela e especializada en electrónica de consumo, está a participar xa na feira CABSAT MENA 2011, con toda probabilidade o encontro profesional tecnolóxico máis importante de Oriente Medio. A concorrencia de Blusens na xuntanza (que se desenvolve en Dubai até o 10 de febreiro) faise a través da súa división Blusens Networks e co punto de mira posto no afianzamento da compañía galega no devandito mercado asiático, un dos máis activos e de meirande potencial en materia TIC. Cómpre lembrar que a liña Networks da firma compostelá dedica unha boa parte dos seus esforzos ao desenvolvemento e distribución de novas canles de comunicación para o eido profesional.
Entre as grandes novidades a presentar por Blusens dende o seu stand en CABSAT (emprazado no Hall número 1 do Centro de Convencións de Dubai) atópase web:tv, o dispositivo de fogar conectado que leva Internet á televisión.
Para Blusens, o escenario elixido para dar a coñecer web:tv no devandito mercado é a todas luces inmellorable. De feito, sinala a compañía que dirixe José Ramón García, trátase dunha xuntanza dirixida sobre todo a dar acubillo e amosar novas aplicacións dentro de contornos profesionais que darían “unha maior entidade a este dispositivo”. Amais do dispositivo web:tv Blusens tirará proveito da súa presenza na feira para dar conta das súas solucións avanzadas sobre a base do recoñecemento facial en aplicacións de sinalización electrónica (digital signane), que son quen de identificar cunha taxa de exactitude do 90% o sexo e a idade da audiencia que teñen no seu radio, amais do tempo de visionado dun anuncio. “Este novo sistema”, informa a firma galega, “achega unha nova perspectiva neste tipo de aplicacións, abrindo novas posibilidades tanto a anunciantes como a axencias”.
Para Miguel Silva, vicepresidente de Blusens, “a diversificación do noso negocio segue adiante coa presenza da liña profesional de Blusens Networks, que inclúe o lanzamento de solucións innovadoras como a sinalización dixital publicitaria con recoñecemento facial ou a nova versión do web:tv, que permite cubrir dende grandes proxectos de IPTV para operadores de telecomunicacións até redes privadas de TV, Internet e vídeo baixo demanda para hoteis e centros comerciais”.

PUBLICIDADE