Blusens presentou en Madrid un navegador GPS con imaxes reais en tres dimensións

mércores, 3 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

A empresa galega Blusens vén de facer ruído abondo en Madrid presentando o seu Catálogo 2008 de produtos tecnolóxicos destinados ó lecer perante unhas 700 testemuñas (xente vinculada ó sector das TIC, na súa maioría), segundo informa O Correo. A nota máis alta da posta en longo do catálogo (que tivo lugar en In Zalacain, escenario máis que probablemente elixido con premeditación, xa que semella ser un referente na vangarda artística e gastronómica) veu dada polo G.01, un navegador GPS que, a xuízo de Blusens, é o primeiro do mercado que pode facer de guía nun vieiro concreto amosando ese mesmo vieiro e os elementos que o compoñen nunha imaxe tridimensional e en perspectiva.
Este dispositivo, que como se pode supor foi deseñado co obxectivo de baixar ó mínimo as posibilidades de perder o rumbo sobre as estradas, axúdalle ó usuario a ter unha imaxe completa do que vai ter xusto diante. É dicir: non só che advirte da inmediatez dunha rotonda, senón que cha pon diante en imaxe real, indo alén das posibilidades do Google Maps.
O trebello en cuestión inclúe un disco duro con memoria de 30 xigas, pantalla LCD de 4,3 polgadas, funcións de audio e vídeo e sistemas de comunicación sen fíos Bluetooth que, engade O Correo, integra imaxes obtidas dende o aire de todas aquelas cidades da Unión Europea de máis de 70.000 habitantes. A previsión é poñelo á venda no Nadal. Polo de agora, non se deu a coñecer o prezo do trebello no mercado.
Amais do G.01, Blusens tamén deu a coñecer a feitura definitiva do reprodutor mp3 G14, que inclúe tecnoloxías WiFi e Bluetooth e do que xa falamos nesta mesma web con motivo da súa presentación na Feira Internacional CES 2007 de Las Vegas, en Estados Unidos.
Asemade, a empresa galega tivo folgos para falar da súa plataforma Blu:generation, que non é outra cousa que a súa particular visión da nova orde de Internet, a que concentra e non espalla, favorecendo a creación de redes de encontro. Esta en concreto opera dende hai tempo posibilitando a comunicación entre os usuarios de produtos de Blusens e entre os usuarios e a propia empresa, amais de servir de tenda virtual para aparellos, música e cinema.

PUBLICIDADE