Cisco denuncia a Apple por empregar a marca iPhone sen a súa autorización

xoves, 11 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Linksys leva tempo comercializando produtos baixo a marca iPhone

Cando non transcorreron nin dous días dende que a compañía Apple anunciara con bombas de palenque o lanzamento dun novo dispositivo que integra móbil, acceso a Internet e iPod nun só aparello, o grupo informático estadounidense Cisco Systems vén de presentar perante un tribunal de California unha demanda contra a compañía de Steve Jobs, por apropiarse de xeito indebido da súa marca comercial iPhone.
De xeito paralelo, Cisco emitiu un comunicado no que asegura que mediante a demanda, “aspira a evitar que Apple infrinxa e copie de xeito deliberado a marca rexistrada iPhone”, obtida en 2000 trala adquisición de Infogear e coa que xa vendera produtos baixo este nome durante uns anos.
O rexistro da dita marca por parte de Infogear remóntase ó 20 de marzo de 1996, cando unha filial de Cisco Linksys comezou a desenvolver produtos baixo esta marca. Segundo explica esta empresa, ambas firmas mantiveron unha serie de negociacións despois de que Apple solicitara permiso repetidamente para outorgarlle o nome de iPhone ó seu novo dispositivo.
Esta semana, despois de 30 meses e millóns de dólares investidos en segredo, Apple presentou o seu novo aparello “sen ter en conta o impedimento que ofrecía inicialmente Cisco”. Isto podería traducirse nunha indemnización millonaria para a compañía que rexistra a patente, xa que despois do rotundo éxito que obtivo o dispositivo de Apple semella difícil que esta compañía cambie de idea e renuncie á marca.
Pola súa banda, a multinacional de Steve Jobs deféndese das acusacións de Cisco aclarando que a demanda é “ridícula” e que os dereitos de marca que tiña eran moi “tenues”, posto que “xa existían varias compañías que usan o nome iPhone para os seus produtos de voz sobre a Internet”.

PUBLICIDADE